A Biblioteca Municipal de Vilalba acollerá un concerto didáctico-sensorial para bebés de 0 a 3 anos

TerraChaXa
Contará con dúas quendas para facilitar a participación das familias: a primeira sesión celebrarase ás 16:30 horas e a segunda ás 17:30 horas
concerto-para-bebes-vilalba
25 May 2026

A Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz de Vilalba acollerá este martes, 26 de maio, unha proposta cultural e educativa dirixida ás familias con bebés de entre 0 e 3 anos. Trátase do concerto didáctico-sensorial Son no Berce, unha actividade que se desenvolverá en dúas sesións ao longo da tarde.

A iniciativa ofrecerá unha experiencia inmersiva a través de pezas musicais orixinais do compositor Manuel Paino, propoñendo unha viaxe sensorial arredor das primeiras descubertas dun bebé. A natureza, a auga, o movemento, os sons e as palabras que dan vida á lingua serán os elementos centrais desta actividade.

O concerto contará con dúas quendas para facilitar a participación das familias: a primeira sesión celebrarase ás 16:30 horas e a segunda ás 17:30 horas.

Desde a organización explican que, co obxectivo de favorecer a conciliación familiar, tamén poderán asistir irmáns maiores de 3 anos, aínda que será necesario incluílos previamente no proceso de inscrición como participantes.

As persoas interesadas deberán formalizar a inscrición a través do formulario habilitado polo Concello de Vilalba ata completar prazas.

Esta actividade forma parte da programación impulsada desde a área de Educación e da aposta municipal por promover iniciativas culturais adaptadas á primeira infancia e orientadas ao desenvolvemento sensorial e creativo dos máis pequenos.

 

0.12014293670654