A Biblioteca Municipal de Xermade amplía a súa programación anual con novas actividades para toda a veciñanza

TerraChaXa
As propostas desenvolveranse ao longo de todo o ano e incluirán actividades de informática, xogos, calceta, idiomas e apoio á realización de tarefas escolares
actividades-biblioteca-xermade
9 Sep 2026

A Biblioteca Municipal de Xermade poñerá en marcha a partir deste mes de setembro unha nova programación anual de actividades coa que busca ampliar a súa oferta e fomentar a participación, a aprendizaxe e o encontro entre a veciñanza.

As propostas desenvolveranse ao longo de todo o ano e incluirán actividades dirixidas a diferentes idades e intereses. Entre elas figura un club de calceta, que se celebrará os luns ás 18.00 horas, como un espazo para compartir coñecementos, experiencias e tempo de lecer arredor das labores.

Os martes, ás 12.00 horas, será a quenda da actividade de informática para adultos, orientada á adquisición e mellora de coñecementos e competencias dixitais. Pola súa banda, os mércores ás 17.30 horas funcionará o club de deberes, pensado como un espazo de apoio e acompañamento para a realización das tarefas escolares despois da saída do colexio e das actividades extraescolares.

A programación continuará os xoves ás 18.00 horas cun intercambio de idiomas, que permitirá practicar diferentes linguas a través da conversa e do intercambio de coñecementos. Os venres, ás 17.30 horas, a biblioteca acollerá unha sesión de xogos de mesa como proposta de lecer para descubrir e compartir diferentes xogos en compañía.

As actividades comezarán o próximo 14 de setembro e será necesario realizar unha inscrición previa na Biblioteca Municipal de Xermade. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 11 de setembro.

A posta en marcha de cada unha das actividades estará condicionada á formación dun grupo mínimo de participantes. Nas próximas semanas, a Biblioteca Municipal de Xermade dará a coñecer cada proposta a través das súas redes sociais, onde ofrecerá información máis detallada sobre o funcionamento e as características de cada actividade.

Con esta nova programación, a Biblioteca Municipal de Xermade pretende seguir ampliando a súa oferta e consolidarse como un espazo aberto á veciñanza, non só para a lectura, senón tamén para o encontro, a participación, o lecer e a aprendizaxe.

0.14555287361145