A campaña de control de bandas dos piñeiros esperta o interese dos propietarios de máis de 5.000 hectáreas

GaliciaXa | TerraChaXa
Desenvolveuse unha visita técnica a un piñeiral de Guitiriz tratado o ano pasado, onde se comprobou a eficacia das aplicacións
visita-tecnica-pineiros-guitiriz
14 May 2026

A campaña de control das bandas do piñeiro radiata, impulsada pola Fundación Arume en colaboración coa Xunta de Galicia, xa espertou o interese de propietarios forestais e comunidades de montes de toda Galicia, con máis de 5.200 hectáreas solicitadas para incorporarse ao plan de actuación, das que o 90 % pertencen á provincia de Lugo.

A Fundación Arume, encargada da dirección técnica da campaña, confirmou que xa ten identificadas 5.207 hectáreas de masas de Pinus radiata interesadas en participar nas accións de control da banda marrón e da banda vermella, dúas das principais enfermidades fúnxicas que afectan aos piñeirais galegos.

O labor da entidade céntrase na identificación e mapeo das parcelas forestais propostas polos propietarios, información que posteriormente é trasladada á Consellería do Medio Rural. A Administración autonómica decide finalmente as superficies nas que se actuará, tendo en conta criterios técnicos e loxísticos, como a localización nas zonas prioritarias, os accesos ou a continuidade das masas forestais.

As actuacións serán executadas pola empresa pública Seaga, encargada da aplicación de abonos foliares destinados a reforzar o estado nutricional das árbores e aumentar a súa capacidade de resistencia fronte ás enfermidades. As aplicacións iniciaranse nas próximas semanas e prolongaranse ata finais do verán ou comezos do outono, adaptándose ao ciclo biolóxico dos fungos e ás condicións meteorolóxicas para garantir a máxima eficacia.

Desde a Fundación Arume continúan ademais a recoller novas solicitudes de propietarios e comunidades de montes interesados en adherirse á campaña. As persoas interesadas deberán presentar unha Declaración Responsable e facilitar datos básicos como as referencias catastrais, a superficie ocupada polo piñeiro radiata e información da masa forestal.

Visita técnica a Guitiriz

No marco desta campaña, desenvolveuse unha visita técnica a unha masa de Pinus radiata situada en Guitiriz e tratada durante o pasado ano. O encontro permitiu comprobar sobre o terreo a evolución favorable do piñeiral e a eficacia das aplicacións realizadas.

A visita contou coa participación do presidente da Fundación Arume, Xosé Mera; da directora xeral de Ordenación e Planificación Forestal, Luisa Piñeiro; así como de representantes da comunidade de montes veciñais en man común de San Breixo, propietaria da superficie visitada.

Durante a xornada púxose en valor a importancia de manter a estratexia de aplicacións foliares como ferramenta clave para mellorar a resiliencia dos piñeirais galegos fronte ás bandas e garantir a sustentabilidade das masas forestais máis vulnerables.

A provincia de Lugo concentra actualmente a maior parte das superficies prioritarias de actuación, con máis de 60 concellos incluídos no plan, seleccionados segundo criterios técnicos relacionados co nivel de afectación, a presenza de Pinus radiata e a continuidade das masas forestais.

A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, integra a diferentes axentes da cadea forestal-madeira galega, desde asociacións de propietarios e empresas do sector ata viveiros, serradoiros, a Universidade de Vigo e Abanca. O seu labor céntrase na promoción dun monte máis resiliente, multifuncional e sostible.

0.12616395950317