A campaña de verán dos Empresarios de Vilalba supera as 5.400 participacións e xa ten os primeiros gañadores

TerraChaXa
Unha vez realizado o sorteo, as persoas agraciadas foron Dolores Carballeira e Ana Ferreiro Lozano, que poderán gozar dos seus premios efectuando compras nos comercios asociados
tenda-comercio-recurso-xenerica
9 Jul 2026

A campaña de verán Marcho que teño que marchar volveu demostrar o compromiso da veciñanza co comercio local. A iniciativa, organizada pola Asociación de Empresarios de Vilalba entre o 22 de xuño e o 5 de xullo, pechou cunha das mellores cifras de participación de todas as campañas promovidas pola entidade, acadando un total de 5.449 participacións.

Durante dúas semanas, centos de clientes apostaron por realizar as súas compras nos establecementos asociados, apoiando o comercio de proximidade e entrando no sorteo de 1.000 euros en vales de compra, repartidos en dous premios de 500 euros cada un.

Unha vez realizado o sorteo, as persoas agraciadas foron Dolores Carballeira e Ana Ferreiro Lozano, que poderán gozar dos seus premios efectuando compras nos comercios asociados á Asociación de Empresarios de Vilalba, contribuíndo así a que estes 1.000 euros continúen xerando actividade económica na vila.

Desde a Asociación de Empresarios de Vilalba queren agradecer a extraordinaria resposta da clientela e tamén a implicación dos establecementos participantes, que volveron facer posible o éxito dunha campaña deseñada para dinamizar o comercio local durante o inicio da tempada estival.

O resultado do sorteo foi comunicado a través das redes sociais da Asociación e tamén no grupo de WhatsApp da Asociación de Empresarios de Vilalba, unha canle gratuíta aberta a toda a cidadanía na que se comparten campañas, promocións, novidades e actividades do comercio local.

Ademais, formar parte deste grupo ten premio, xa que todos os meses a Asociación realiza sorteos de vales de compra para gastar no comercio de Vilalba entre as persoas integrantes. Desde a entidade animan á veciñanza a sumarse a esta canle para non perder ningunha das próximas campañas e oportunidades.

A Asociación de Empresarios de Vilalba continúa traballando ao longo de todo o ano para impulsar o comercio local mediante campañas de dinamización que premian a fidelidade da clientela e contribúen a fortalecer o tecido comercial da vila.

A campaña Marcho que teño que marchar estivo organizada pola Asociación de Empresarios de Vilalba e contou coa colaboración da Xunta de Galicia, Comercio Galego e o Concello de Vilalba.

0.11601686477661