Suspendido o concerto de Paloma Suanzes programado para a Casa-Museo Manuel María
Por motivos de saúde foi suspendido o concerto deste sábado, día 9, ás 20 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María a cargo de Paloma Suanzes. Esta cantautora, residente en Lugo, tiña previsto ofrecer o espectáculo, Verbas de Auga, no que interpreta algunha das composicións que formarán parte dun próximo traballo musical. A enfermidade da autora foi o que levou a suspensión do concerto, que se programará de novo nas seguintes datas-
Centrada desde o 2008 na súa formación como directora de coro, cantante lírica e mestra de música e en compor e escribir composicións, Paloma Suanzes, unha das grandes voces da nosa música, ten unha longa traxectoria musical que se iniciou en 1995. Cun traballo musical, “Feitizo”, e a súa participación directa noutros, como “Catro mulleres, catro estilos, catro voces”, xunto a María Manuela, Julie Guravich e Claudia Campos, Paloma Suanzes compartiu escenario no espectáculo “Son Delas”, con Uxía Senlle, María Manuela, Sonia Lebedynski, Mercedes Peón, Guadi Galego, Susana Seivane, Ugia Pedreira e Rosa Cedrón. Tamén, xunto a Miguel Mosquera, creou o dúo musical “Alba Nocturna”.
Na actualidade, Paloma Suanzes está a preparar a gravación de novos temas que formarán parte dun novo proxecto musical persoal.