A Cantina Social de Verán volverá percorrer cinco concellos da provincia de Lugo

Cruz Vermella na provincia de Lugo pon en marcha a segunda edición da Cantina Social de Verán, unha iniciativa itinerante que volverá percorrer distintos concellos lucenses co obxectivo de achegar actividades de lecer, convivencia e estimulación ás persoas maiores que viven no rural, especialmente naqueles núcleos máis afastados dos centros urbanos.
Nesta nova edición, a Cantina Social fará parada nos municipios de Samos, Triacastela, Pol, A Pontenova e Folgoso do Courel, converténdose de novo nun espazo de encontro no que compartir experiencias, conversar e gozar dunha xornada diferente sen necesidade de saír da súa propia localidade.
A filosofía do proxecto parte dun xesto tan sinxelo como compartir unha cunca de café. Ese primeiro momento serve para romper o xeo e crear un ambiente próximo e acolledor que favorece a conversa entre as persoas participantes. A partir de aí xorden historias de vida, lembranzas sobre como eran antigamente as aldeas, os costumes doutros tempos, os oficios tradicionais e numerosas vivencias que forman parte do patrimonio inmaterial de cada municipio.
A programación inclúe tamén partidas de cartas, xogos de habilidade e memoria, dinámicas participativas e outras propostas destinadas a favorecer a socialización e a participación activa das persoas asistentes. Un dos momentos máis agardados volverá ser a experiencia de realidade virtual, unha actividade que permitirá ás persoas maiores descubrir lugares emblemáticos do mundo sen abandonar o seu pobo. Grazas a esta tecnoloxía poderán pasear por cidades como Roma, contemplar monumentos históricos ou visitar escenarios que, en moitos casos, nunca pensaran que poderían coñecer.
A primeira edición da Cantina Social demostrou que esta iniciativa vai moito máis alá do lecer. Converteuse nun espazo para combater a soidade non desexada, fortalecer os vínculos veciñais e crear momentos de felicidade compartida. As conversas, as anécdotas, as partidas de cartas e os sorrisos foron os grandes protagonistas de cada unha das xornadas celebradas.
Con esta segunda edición, Cruz Vermella aspira a repetir a boa acollida do pasado ano e continuar achegando recursos e actividades ás persoas maiores que viven no medio rural, promovendo un envellecemento activo, a participación social e o benestar emocional.
A Cantina Social de Verán volverá encher de vida as prazas e os espazos de encontro dos concellos participantes, onde non faltarán o café, as conversas, os recordos, a tecnoloxía e, sobre todo, as ganas de compartir bos momentos.