A Carballeira de Mosteiro acollerá o domingo unha nova edición da festa de Leña Verde de Pol

A carballeira de Mosteiro, no concello de Pol, será o escenario o vindeiro domingo 9 dunha nova edición da festa de Leña Verde de Pol, unha xornada festiva que volverá reunir música, gastronomía e tradición nun dos encontros culturais do verán na comarca.
A programación comezará ás 14.00 horas cun vermú e aperitivos amenizados pola actuación do grupo de pandeireteiras As Charamuzas, que abrirán unha tarde dedicada á música de raíz galega.
Ás 15.00 horas celebrarase o tradicional xantar popular, no que cada asistente poderá levar a súa propia comida. A organización ofrecerá tamén a posibilidade de adquirir no propio recinto polbo, churrasco e filloas para completar a oferta gastronómica da xornada.
A partir das 17.00 horas terá lugar o apartado musical principal do evento, coa actuación dos grupos Os Agustinos e Trasdalomba, que poñerán o ritmo, acompañando ao propio anfitrión, Leña Verde, a unha tarde na que se agarda unha ampla participación de veciños e visitantes.
A iniciativa está organizada pola asociación cultural Leña Verde e conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Cultura, así como do Concello de Pol e da asociación Filloas á Muimenta, que levará unha mostra do seu doce a esta festa.