A Carreira Popular e Andaina de Pastoriza acada a súa maior participación con 424 persoas inscritas

A III Carreira Popular e Andaina do Concello de Pastoriza reuniu este domingo un total de 424 persoas inscritas, converténdose na edición con maior participación desde a posta en marcha desta iniciativa. A cita consolidou o seu crecemento ao incrementar o número de corredores, corredoras e participantes na andaina de todas as idades.
Nesta ocasión, a andaina celebrouse baixo o nome de III Andaina José Yáñez García, en homenaxe ao que foi alcalde de Pastoriza durante máis de vinte anos. O Concello e a organización decidiron incorporar o seu nome a esta proba como recoñecemento ao seu compromiso co municipio e á súa traxectoria á fronte da Alcaldía. Con este xesto preténdese preservar a memoria dunha figura moi vinculada á vida pública local e que, segundo destacan, deixou unha importante pegada en Pastoriza.
A Praza do Concello converteuse no centro da actividade ao longo da mañá. Desde este punto déronse as saídas de todas as probas, coa única excepción da categoría de pitufos, que iniciou o percorrido desde un lugar próximo.
Unha vez rematada a competición, a programación continuou coa entrega de premios, un vermú con pinchos gratuítos para as persoas asistentes e a actuación de DJ Billy, que puxo música á celebración durante boa parte da tarde. Ademais, as filloeiras de Muimenta participaron na xornada elaborando este produto tradicional.
A andaina percorreu parte da ruta Mar Verde, un itinerario que atravesa pradarías e espazos ligados á actividade gandeira do municipio e que figura entre os percorridos máis valorados polas persoas participantes.
No apartado competitivo, a carreira distribuíuse nas categorías pitufos, sub-10, sub-12, sub-14, sub-16 e absoluta. Todos os nenos e nenas participantes recibiron unha medalla e entregáronse premios en cada unha das categorías establecidas.
No acto de entrega de galardóns participaron o alcalde de Pastoriza, Darío Cabaneiro, o tenente de alcalde, Marcos García Lombardero; a concelleira de Deportes, Fina Méndez, a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Raquel Arias, o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández, o edil do Concello de Lugo e voceiro do Grupo Popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide; o deputado provincial José María Fernández Vázquez, o deputado nacional Francisco Conde e o senador por Lugo José Manuel Balseiro.
Durante toda a xornada tamén estivo instalado un posto informativo da Asociación CTNNB1, co obxectivo de dar visibilidade ao traballo que desenvolve esta entidade.
A organización da proba correu a cargo do Concello de Pastoriza, da Asociación Cultural e Deportiva Miño Vivo de Pastoriza e da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Pastoriza (ASAPA), co apoio principal da Xunta de Galicia e a colaboración de CCNorte, do GDR Terra Chá e de distintas empresas patrocinadoras.
Desde o Goberno municipal valoran positivamente esta terceira edición, salientando especialmente a elevada participación da veciñanza.