A Casa da Galería acollerá unha conferencia de Ricardo Polín sobre Francisco de Fientosa no 90 aniversario do seu asasinato

A Casa da Galería será escenario o vindeiro 21 de agosto ás 19.00 horas dunha conferencia impartida polo investigador e escritor Ricardo Polín baixo o título Fientosa, poeta de noso na fosa.
A convocatoria coincide co 90 aniversario do asasinato de Francisco de Fientosa, unha das figuras destacadas da literatura galega, e servirá para afondar na súa traxectoria vital e intelectual, así como nas circunstancias que rodearon a súa morte.
Durante a intervención, Ricardo Polín dará a coñecer novas achegas documentais e conclusións derivadas das investigacións que vén desenvolvendo arredor da figura do poeta, co obxectivo de contribuír a un maior coñecemento da súa historia e do contexto histórico no que viviu.
A conferencia permitirá achegarse á memoria de Francisco de Fientosa desde unha perspectiva actualizada, coincidindo cunha efeméride especialmente significativa para a recuperación e divulgación da súa obra e do seu legado cultural.