A Casa das Insuas acolle a presentación dun libro sobre espeleoloxía

TerraChaXa | LugoXa
A Casa das Insuas de Rábade acolle a presentación do libro Tesouro espeleolóxico galego, do Clube Espeleolóxico Maúxo e Alba Cid.
PRESENTACION LIBRO ESPELEOLOXIA PORTADA
PRESENTACION LIBRO ESPELEOLOXIA PORTADA
14 mar 2023

A Casa das Insuas de Rábade acolle a presentación do libro Tesouro espeleolóxico galego, do Clube Espeleolóxico Maúxo e Alba Cid, que será o venres 17 de marzo, ás 19:30.

Está prevista nesta sesión a intervención de Alba Cid (poeta) e Tereixa Otero (espeleológa, Clube Espeleolóxico Maúxo).

Este libro é o resultado de máis de 30 anos de compilación editorial por parte do Clube Espeleolóxico Maúxo. O traballo está compilado nun volume de 544 páxinas, con máis de 1200 referencias documentais (textos e imaxes) de interese espeleolóxico e datadas con anterioridade ao ano 1970.

"Covas, furnas, grutas, cavernas, espenucas e minas dan conta de Galiza coma un país protagonista en furados no subsolo marcados pola historia e polas lendas. A simple mención destes subterráneos atravesa a historia da Galiza por estar presentes nos mitos máis elementais da nosa cultura.

Un inframundo de cavidades e labirintos en continua transformación que sosteñen o mundo da superficie onde se escoita o murmurio das achegas colectivas que foron compilando, dun xeito horizontal, toda a información plasmada neste libro", din dende a editorial.

A publicación é unha achega ilustrada acerca de medio milleiro de cavidades naturais e artificiais con información de proveito para calquera persoa interesada na natureza, xeoloxía, xeografía, arqueoloxía, historia, etnografía, literatura, etc. vencellando dun xeito claro e deleitoso ciencia e cultura.

A obra, que inicia a colección rupestre sonoro, é acompañada pola escrita da poeta Alba Cid quen tamén realiza unha pormenorizada entrevista ao Clube Espeleolóxico Maúxo.

Esta actividade inclúese dentro do convenio asinado entre a AGCT e a Deputación de Lugo para a conservación, investigación e divulgación da natureza nas Insuas do Miño e Ollos de Begonte e na Reserva da Biosfera de Terras do Miño.

PRESENTACION LIBRO ESPELEOLOXIA