A Casa das Insuas prepara unha nova edición da Insuascola de verán

Convocada a seguinte quenda da Insuascola de verán, que terá lugar do 27 ao 31 de xullo en horario de 10 a 14 horas na Casa das Insuas de Rábade como actividade gratuíta.
Está dirixida especialmente a nenos de 6 a 13 anos, que deberán levar roupa e calzado axeitados para andar polo campo, gorra, crema solar, roupa de baño e muda, calzado tipo escarpín ou cangrexeiras, a súa merenda de media mañá e unha cantimplora con auga.
Así mesmo, recoméndase que usen repelente de carrachas.
A temática deste ano é a Agro+Eco+Lóxica. Ademais de centrarse na horta, explorarán a contorna, farán xogos ao aire libre, experimentos e chapuzóns no río Miño.
Para inscribirte nesta edición hai que facelo a través desta ligazón e os que queiran información poden enviar un mail a casadasinsuas@gmail.com.
Esta actividade inclúese dentro do acordo de custodia do territorio asinado entre a AGCT e a Deputación de Lugo para a conservación, investigación e divulgación da natureza nas Insuas do Miño e Ollos de Begonte e na Reserva da Biosfera de Terras do Miño.