A casa de Manuel María convoca o terceiro concurso de composicións musicais

TerraChaXa | LugoXa
Haberá premio en metálico á composición gañadora. Serán publicadas as partituras das cancións finalistas e distribuídas aos conservatorios.
concurso composicions musicais outeiro de rei manuel maria portada
concurso composicions musicais outeiro de rei manuel maria portada
8 Abr 2024

Haberá un premio en metálico de mil euros á composición gañadora. Ademais, serán publicadas as partituras das cancións finalistas que serán distribuídas aos conservatorios de música.

Casa-Museo Manuel María vén de facer públicas as bases da segunda edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. O certame ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.

O concurso está aberto á participación de todas as compositoras e compositores que o desexaren, tendo de prazo até o 15 de xuño. As composicións deberán ser orixinais, inéditas, sen estrear e cunha duración máxima de cinco minutos e mínima de dous minutos e medio. A canción presentada terá que ser sobre un poema, de libre elección da persoa concursante, de entre todos os escritos por Manuel María e estará clasificada dentro da modalidade de canción galega.

Na presente edición as composicións estarán escritas para voz de mezzo-soprano con acompañamento de piano, estando previsto que isto cambie todos os anos, xa que o pasado foi para soprano.

O certame convocado conta cun único premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galicia.

O concurso desenvolverase en dúas fases de xeito que na primeira o xurado seleccionará un máximo de cinco cancións finalistas que pasarán a unha segunda fase e que se fará público o 15 de xullo. Na fase final determinarase a canción gañadora entre as designadas como finalistas na primeira fase. Para iso levarase a cabo un acto con concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María no mes de outubro. No propio acto, após a correspondente deliberación, o xurado dará a coñecer a canción gañadora.

Manuel María é o poeta máis musicado despois de Rosalía de Castro. Os seus versos foron cantados nos máis diversos estilos musicais desde a música tradicional, folk, pop, rock, rap, música coral... interpretada por voces e grupos como Fuxan os Ventos, María Manuela, A Quenlla, Milladoiro, Berrogüetto, Uxía, Xabier Díaz, SonDaRúa, Dakidarría, Treixadura... Segundo Alberte Ansede, secretario da Fundación do escritor, “este numeroso repertorio de estilos e de voces vaise ver ampliado con este concurso que levará a poesía de Manuel María á música clásica” e que, ademais, vai supor “unha importante promoción á creación, edición e difusión dun tipo de composicións musicais non suficientemente atendidas no noso país”.

0.18297290802002