A Casa do Mel das Pontes organiza actividades para celebrar o Día da Abella

TerraChaXa
Con esta iniciativa, a Casa do Mel busca promover o coñecemento da apicultura tradicional e fomentar entre os máis pequenos o respecto polo medio natural
dia-da-abella
20 May 2026

A Casa do Mel das Pontes celebrará os días 21 e 24 de maio unha programación especial arredor do Día da Abella, cunha conferencia divulgativa e unha xornada de obradoiros infantís centrados na importancia das abellas e da tradición apícola en Galicia.

A primeira das actividades terá lugar o xoves 21 de maio ás 20:00 horas no Salón de Actos Casa Dopeso das Pontes dentro do programa de actos da exposición Abellas e abelleiros. Unha relación ancestral na Galicia meleira. A charla levará por título Os lagares e as eiras da cera no noroeste da Península Ibérica e será impartida por Damián Copena, profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela.

A programación continuará o domingo 24 de maio cunha xornada especialmente dirixida ao público infantil. Baixo o lema A Casa do Mel convídavos a celebrar o Día da Abella, desenvolveranse obradoiros e talleres para nenos e nenas a partir de 3 anos.

As actividades celebraranse de 16:30 a 20:00 horas en Goente, nas Pontes, e as prazas serán limitadas por orde de inscrición.

Este mesmo día pecharase a mostra que está aberta desde o 16 de abril na Casa Dopeso.

As persoas interesadas poden formalizar a inscrición a través do teléfono 661 003 616 ou do correo electrónico casadomel@vodafone.es.

Con esta iniciativa, a Casa do Mel busca promover o coñecemento da apicultura tradicional e fomentar entre os máis pequenos o respecto polo medio natural e polo importante papel das abellas no ecosistema.

0.1061999797821