A Casa do Mel de Goente recibe unha axuda de 60.000 euros
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do primeiro tenente de Alcalde das Pontes, Antonio Alonso, achegouse ata as instalacións da asociación Casa do Mel de Goente, beneficiaria dunha axuda á apicultura da Consellería do Medio Rural de preto de 60.000 euros.
En total, a Xunta de Galicia contribuíu ao desenvolvemento da actividade da entidade nos dous últimos anos cunha achega próxima aos 100.000 euros.
Durante a visita ao local na que tamén estivo presente o presidente da entidade, Manuel Ferreira, Aneiros interesouse polos diferentes programas que leva a cabo a entidade ao longo do ano así como pola problemática que afecta ao sector, vinculada especialmente á presenza da vespa velutina.
As actuacións subvencionadas nesta convocatoria 2022 inclúen a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia ás persoas apicultoras. Tamén comprende -no relativo á loita contra as enfermidades das abellas- a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, a alimentación das abellas -coa fin de mellorar a actividade da colmea- e a renovación ou purificación de cera, ademais da adquisición de métodos para a captura e eliminación e control da vespa velutina.
As axudas da presente convocatoria, que supoñen un investimento de 1,3 M€, foron concedidas en réxime de concorrencia competitiva e están destinadas tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. En total, son 24 os beneficiarios destas axudas en toda a Comunidade, dos cales 9 corresponden a asociacións apícolas como é o caso da Casa do Mel de Goente. Así, beneficiaranse destas achegas 2.176 explotacións apícolas galegas, cun total de 187.537 colmeas.
Por outra parte, a Xunta continúa neste 2022, e por terceiro ano consecutivo, co plan centralizado de retirada de niños de vespa velutina acordado cos concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para ofrecer unha solución homoxénea para frear o avance desta especie no territorio galego. A través deste plan a empresa pública Seaga encargase da encomenda da retirada dos seus niños nos 306 concellos galegos adheridos, o 98% dos municipios galegos.