A casa escola de Seixas, en Cospeito, foi acondicionada cunha subvención da Xunta

TerraChaXa
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado das obras, entre as que destaca o acondicionamento no exterior
Local-social-Seixas-Cospeito
15 Nov 2024

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinou 17.000 euros a financiar traballos de acondicionamento exterior e equipamento da casa escola de Seixas, que promoveu a asociación veciñal O Cruceiro, da parroquia de San Pedro de Seixas de Cospeito.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado das obras, entre as que destaca o acondicionamento no exterior dunha zona de aparcamento e dun espazo que permite desenvolver actividades ao aire libre.

Con este fin, tamén adquiriron catro mesas pregables, 24 cadeiras e unha carpa desmontable. Igualmente, no interior do local instalaron unha estufa de pellets e a cheminea para a extracción de fume, un equipo de televisión con altofalantes e armarios para almacenaxe.

Arias sinalou que as melloras “permiten ampliar as actividades e desfrutar do local en calquera época do ano nas mellores condicións”.

A casa escola funciona como sede veciñal e centro sociocultural, sendo utilizada por máis de 200 veciños da contorna e a entidade promotora recibiu 12.000 euros para obras e 5.000 euros para equipamento, que son as contías máximas previstas na convocatoria de subvencións do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños e de mulleres rurais e a comunidades de usuarios de auga.

O delegado territorial engadiu que no conxunto da provincia de Lugo concedéronse este ano 33 axudas que suman un investimento de máis de 269.000 euros; sufragan gastos realizados en inmobles dos citados colectivos ou sobre os que teñan dereitos de uso, así como nas traídas de auga comunitarias.

Neste sentido, apuntou que o Goberno galego reforzará o orzamento deste programa o vindeiro ano nun 33 %, asignando 4 millóns de euros á convocatoria para poder dar resposta á elevada demanda que vén rexistrando nos últimos anos.

“A Xunta apoia o papel fundamental das organizacións veciñais, que melloran a calidade de vida local dinamizando a contorna e canalizando as demandas da cidadanía”, afirmou.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18010497093201