A Casa-Museo Manuel María organiza unha camiñada cultural polos camiños de San Fiz de Paz

A Casa-Museo Manuel María organizará o domingo 3 de maio unha camiñada cultural polos camiños da parroquia de San Fiz de Paz, pertencente ao concello natal do escritor Manuel María. A actividade contará coa colaboración do divulgador cultural Orlando Viveiro, quen será o encargado de guiar o percorrido.
A saída realizarase ás 9:30 horas desde a Casa-Museo Manuel María, desde onde as persoas participantes se desprazarán en vehículos particulares ata o inicio do itinerario. A ruta terá unha distancia aproximada de cinco quilómetros, unha duración estimada de tres horas e un nivel de dificultade baixo, polo que está pensada para todo tipo de públicos.
Durante o percorrido, as persoas asistentes poderán descubrir diferentes espazos naturais e patrimoniais da zona de San Fiz de Paz, así como coñecer historias e lendas vinculadas ao territorio. Entre os lugares destacados figuran a capela dos Remedios, situada á beira do antigo camiño real, o enclave da Abeladoira, relacionado co paso dos cacharreiros de Bonxe, e o Castro de Dumpín, envolto en tradicións populares e relatos da contorna.
A actividade será gratuíta, aínda que é necesario realizar inscrición previa a través do correo contacto@casamuseomanuelmaria.gal da entidade organizadora ou mediante WhatsApp no 698 177 621.