A cesteira de Outeiro de Rei Idoia Cuesta foi elixida a mellor artesá de vangarda nos premios Círculo Fortuny

A artesá especializada en cestería e téxtil Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) foi recoñecida como mellor artesá de vangarda na quinta edición dos Premios Maestro Artesano do Círculo Fortuny, nun acto celebrado onte en Madrid no que estivo acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. O galardón foille concedido pola súa cestería “aberta a todas as posibilidades pola súa formación de bióloga, a súa inmensa creatividade e a súa mestría cesteira”, tal e como sinalou a presidenta do Círculo Fortuny, Xandra Falcó, durante a cerimonia. “Calquera téxtil, coiro ou material vexetal tecido con mil combinacións e de mil novas formas é posible neste taller impregnado de maxia e do campo galego”, engadiu.
Idoia Cuesta é artista, creadora téxtil e deseñadora contemporánea profundamente inspirada polos oficios tradicionais e pola súa conexión coa natureza. Aprende as técnicas tradicionais de cestería, tecido e outros oficios adaptando despois estas prácticas a unha linguaxe artística contemporánea, creando pezas únicas que oscilan entre o deseño funcional e a expresión artística. A súa nova visión da cestería tradicional a través do deseño contemporáneo foi recoñecida a través de diferentes premios, entre os que se atopan o Room de Artesanía e Art Design 2025 —xunto con Inés Sistiaga, polo seu proxecto Rastros de transformación—, o Premio Artesanía de Galicia 2021 e o Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2014 pola súa colección Pandeira.
Cuesta ten desenvolvido proxectos vinculados ao deseño de interiores, á arquitectura, á moda e ao paisaxismo, entre outros, e son numerosas as súas colaboracións con marcas como Loewe e con deseñadores de diferentes ámbitos. O seu traballo demostra como os oficios poden ser reimaxinados en contextos actuais e como a creación téxtil pode transcender a súa función utilitaria para se converter nunha expresión artística. É coordinadora do proxecto formativo Fibranzas. Laboratorio de fibras vexetais, impulsado pola Xunta no marco do seu programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
O Círculo Fortuny é unha asociación española de marcas e institucións de excelencia que asume como unha das súas prioridades reforzar o valor do talento e do seu potencial como panca para o desenvolvemento económico e social. Desde o ano 2022, convoca os Premios Maestro Artesano, co obxectivo de apostar pola sustentabilidade da artesanía e dos seus oficios e de traballar polo seu recoñecemento, promoción, apoio e viabilidade como negocio.
Os Premios do Círculo Fortuny contan con tres categorías, unha dedicada aos talentos emerxentes, outra para destacar traxectorias artesás e unha última —na que foi recoñecida Cuesta— aos mellores artesáns de vangarda. Todas elas buscan premiar as persoas ou proxectos que representen a produción artesá dun produto da máis alta calidade, experiencia demostrada nun oficio e que sirvan de inspiración a novos talentos.
No ano 2024, o torneiro de madeira Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño) resultou gañador na categoría Joven Promesa e no ano 2023, o artesán Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), foi recoñecido como mellor artesán de vangarda. Leiro —que é experto en cestería tradicional e na súa aplicación á linguaxe contemporánea a partir de colaboracións con grandes como Loewe, coa que traballa desde o ano 2016— recibiu o Premio Nacional de Artesanía nese mesmo ano 2023. Pola súa banda, Aitor Martínez suma ao galardón do Círculo Fortuny o Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2025, pola súa colección Mundos.