A cheminea da central das Pontes non recibirá a protección BIC

TerraChaXa
O luns, un Pleno tratará sobre este tema a petición dos grupos da oposición
cheminea-as-pontes-endesa
18 sep 2024

A Consellería de Cultura confirmou que a emblemática cheminea da Central Térmica non será declarada Ben de Interese Cultural e, por tanto, non gozará dunha protección patrimonial que impida que Endesa a derrube.

Segundo explican non hai apoios institucionais suficientes, xa que se necesitan un mínimo de dous informes favorables por parte dos órganos consultivos correspondentes. Neste caso, desde a incoación só se recibiu un informe favorable.

Polo tanto, a cheminea de Endesa As Pontes, que no seu día chegou a ser a máis alta de Europa con seus 356 metros, correrá a mesma sorte que a de Picusa, derrubada este ano por Cortizo en Padrón a pesar de ter case un século, pero non estaba catalogada como BIC.

A Plataforma que quere protexer esta cheminea logrou a convocatoria dun pleno extraordinario e monográfico para o próximo 23 de setembro ao mediodía. Nel votarase a adhesión ao manifesto da Plataforma para preservar elementos da central, como a cheminea, pois entenden que son patrimonio histórico e cultural da vila, en aspectos relacionados, por exemplo, coa loita sindical.

Desde a Xunta sinalan que "ademais da antigüidade tamén se teñen que cumprir outros requisitos para que se considere patrimonio industrial". Segundo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, poden ter un significativo valor industrial os bens anteriores a 1936, sexan fábricas, estaleiro, maquinarias etc. A norma abre a porta a que as instalacións posteriores a 1936 tamén poidan ser protexidas ao sinalar que se "poderá recoñecérselles un significativo valor cultural industrial aos bens construídos con posterioridade á data sinalada sempre que así se determine despois dun estudo pormenorizado".

Construída na década dos 70, esta cheminea foi deseñada para dispersar os gases resultantes da combustión do carbón a gran altitude, reducindo así o impacto ambiental nas áreas circundantes. A súa construción de formigón convértea nun símbolo da paisaxe industrial da rexión.

Durante décadas, a cheminea foi un elemento crave no funcionamento da central, unha das principais fontes de enerxía en Galicia, aínda que nos últimos anos, a central estivo en proceso de peche debido á transición enerxética cara a fontes máis limpas e sostibles.

Endesa As Pontes hai tempo que deixou de queimar carbón e xa está arrancando coa demolición, pero o a Plataforma defensora da mesma considera que ten unha relevancia funcional, un gran valor simbólico e visual, representando o pasado industrial da comarca.

0.080840826034546