A CIG denuncia falta de compromiso para o mantemento do emprego tralo peche da térmica das Pontes

TerraChaXa
A CIG denunciou a falta de “compromisos firmes e concrecións” por parte de Endesa e do Goberno español no mantemento dos empregos nas compañías auxiliares tras o peche da central térmica das Pontes.
cheminea as pontes endesa
8 sep 2023

A CIG denunciou a falta de “compromisos firmes e concrecións” por parte de Endesa e do Goberno español no mantemento dos empregos nas compañías auxiliares tras o peche da central térmica das Pontes. Dende a federación de Industria, que onte participou nunha xuntanza no Instituto para a Transición Xunta (ITX) en Madrid para abordar as consecuencias do desmantelamento, reclaman que se lle reasigne ás Pontes a capacidade total de evacuación liberada tras o peche e se inicien os trámites para sacar a poxa de transición xusta.

Na reunión convocada pola Directora Xeral do Instituto -na que tamén estivo representada Endesa- a delegación da CIG-Industria formada polo seu secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas, por Alberte Amado, da CIG-As Pontes, e por Fernando Branco, responsábel de Enerxía da CIG, trasladou cuestións relativas á problemática laboral, á situación dos proxectos anunciados para a comarca e ao mantemento do nó de evacuación coa capacidade actual.

Tras o encontro, dende a central sindical lamentaron que “o único que se sacou en limpo” foi que se manterán futuras reunións para abordar cuestións concretas, nas que a CIG intentará forzar maiores garantías no ámbito laboral por parte de Endesa e do Ministerio para que o proceso de desmantelamento e de instalación de novos proxectos se solape e os cadros de persoal non teñan que ir ao desemprego.

Neste senso, alegan que na xuntanza constatouse que Endesa aínda non ten un cronograma de peche, xa que faltan prazos administrativos por parte da Xunta e do Concello. “Tamén está enriba da mesa a posibilidade de que se declare Ben de Interese Cultural a cheminea da central, o que segundo Endesa complicaría o proceso de desmantelamento e afectaría a superficie destinada a solo industrial”.

Dende a CIG-Industria sinalaron tamén que no plano laboral non se produciron avances con respecto ao abordado noutras ocasións. “A empresa manifesta que non vai facer nada que non fixera antes noutros territorios e que intentará achegar a Galiza o persoal desprazado da principal, o que non deixa de ser un compromiso inconcreto”.

En canto ás auxiliares, a empresa mantén o compromiso de formación para desmantelamento e proxectos futuros, mais esta formación vai depender dos prazos administrativos e da implantación real deses proxectos. “De feito, seguen sen concretarse a maior parte deles e tampouco se responden as preguntas formuladas dende a CIG a respecto da capacidade de subministro e evacuación”.

Falta de información sobre os proxectos

Até o punto de que a propia directora do Instituto manifesta que todos os proxectos presentados non se van materializar, mentres que Endesa anunciou que renuncia ao seu proxecto de hidróxeno verde porque os parques necesarios non recibiron a autorización para poder instalarse.

Nesta liña, dende a central sindical sinalaron a contradición das últimas informacións feitas públicas pola Xunta a respecto doutro proxecto de hidróxeno (promovido EDP-Reganosa), xa que mentres o MITECO e o ITX garanten que ten capacidade de subministro para a primeira fase a Administración autonómica sostén o contrario. De xeito que agardan que a Xunta aclare esta contradición. “Quedamos pendentes de abordar a situación con máis actores no prazo dun mes, para analizar o estado de cada proxecto e ver de que xeito avanza a súa materialización”. A este respecto, a CIG censurou a falta de información e o escurantismo sobre os proxectos presentados.

No que ten que ver co nó e co concurso de evacuación, que a CIG leva tempo esixindo ao entender que é básico para garantir a reindustrialización da comarca, dende o Ministerio dan unha resposta “pouco convincente” escusándose exclusivamente en termos técnicos “que nós non compartimos”. Polo que se van perder os 1400 MW de capacidade de evacuación que debera ter As Pontes ao peche completo da térmica, “e non hai que esquecer que a capacidade de evacuación é determinante para poder acometer novos proxectos enerxéticos”.

Finalmente, dende a central sindical incidiron en que este concurso é garantía de reindustrialización do territorio e obrigaría aos proxectos que se quixesen instalar en base a esa poxa, “algo que non existe a día de hoxe porque o único que hai son promesas empresariais, que xa veremos a concreción que teñen no futuro”. Neste punto, sinalan que a propia Endesa manifestou que sería interesante coñecer a posición de Red Eléctrica a este respecto, xa que dela depende a capacidade de evacuación de enerxía á rede.

0.15437793731689