A CIG denuncia o "abandono" do transporte escolar en Guitiriz e Baamonde

TerraChaXa
A CIG denuncia que as traballadoras do servizo de acompañantes do grupo Monbús, en Guitiriz, "están totalmente abandonadas". 
transporte escolar
25 Maio 2021

A CIG denuncia que as traballadoras do servizo de acompañantes da empresa XG833 Gomez de Castro SA, Luber SL, Autocares Carreira do grupo Monbús, que realizan o servizo de transporte escolar para o colexio de Guitiriz e Baamonde e Instituto de Guitiriz, "levan dende o cambio da concesión totalmente abandonadas". 

Este servizo, para os colexios de Guitiriz e Baamonde era prestado anteriormente pola empresa Autos Muiños. Co cambio de concesión, dende xaneiro de 2021, afirman que o servizo inclúe unha maior xornada de traballo, polo servizo de acompañamento ó IES de Guitiriz (Poeta Díaz Castro). 

"A actual concesionaria, Monbús, lonxe de asumir o servizo e regularizar a xornada que realmente presta o persoal e dotalos dos EPI’s correspondente, fíxolles proposta a parte do persoal afectado para que asinara contratos que non recollen a xornada real, nen garante a formación e dotación de equipos de protección para este persoal", explica. 

Aseguran que dende a empresa non se lle garante o rexistro horario ó persoal, non se lles facilita nen mascariñas, nen luvas, nen os chalecos de alta visibilidade que son preceptivos no desenvolvemento desta actividade nas vías de circulación. 

"Parece lamentable que as empresas concesionarias e a Xunta, principal responsable de que as empresas garantan a prestación de servizos axeitadamente, non teñan prestado atención a unha situación que se está a prolongar dende comezos de ano durante todo 2º e 3º trimestre do curso escolar, logo de superar un ano en plena pandemia do Covid-19. É incrible que nin a Xunta nin Monbús, non garantan a persoal e usuarios a protección necesaria", din.  

Dende a CIG fan un chamamento a todos os entes implicados (Xunta, Inspeccion de Traballo, Concello) para que se tomen cartas no asunto, "se garantan os dereitos laborais e a seguridade das persoas traballadoras e usuarias. Non é casualidade que este persoal, maioritariamente mulleres, estén totalmente deixadas da protección contra a precariedade, o que claramente supón unha discriminación e reforza a sensación de que estas compañeiras, polo mero feito de ser mulleres, non teñen a mesma protección que o resto do persoal de movemento", conclúen. 

0.11356902122498