A CIG exixe garantías de continuidade do emprego no proceso de transición das Pontes

TerraChaXa
A CIG reclamou garantías reais de emprego e que se inicien os trámites do concurso público de transición xusta nas Pontes, como elemento fundamental para asegurar a instalación de novos proxectos industriais na localidade.
manifestacion auxiliares endesa
27 Out 2023

A CIG reclamou garantías reais de emprego e que se inicien os trámites do concurso público de transición xusta nas Pontes, como elemento fundamental para asegurar a instalación de novos proxectos industriais na localidade. Na xuntanza, promovida pola Xunta de Galiza, participou a conselleira de Economía e Industria, os directores xerais de Industria, Enerxía e Formación, o alcalde das Pontes, as organizacións sindicais, asociacións de empresas e comerciantes, Endesa e, por primeira vez, a CEG.

Por parte da CIG, á xuntunza acudiron o secretario nacional da Federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas 'Tupi', e Alberte Amado, da Executiva federal.

 No relativo ao ámbito laboral, e coa urxencia dos ERE anunciados por MAESA e JOFRA (dos que se pediu a retirada dos expedientes), o debate centrouse en exixir garantías de continuidade do emprego para que durante o proceso de pre-desmantelamento e desmantelamento da central e da instalacións de novos proxectos non se produzan despedimentos. Pero Endesa, explica Tupi, "mantívose no seu posicionamento, non ofrecendo garantías máis alá de novembro e limitándose a falar de calendarios e cronogramas".

Na mesma liña, expúxose que a formación ten que estar ligada aos proxectos que, en teoría, se van instalar na localidade e cunha funcionalidade para a inserción laboral directa. "En ningún caso pode ser a conta do desemprego. Os traballadores e traballadoras non poden pagar co paro a formación para a reinserción laboral", aseverou.

Sobre estas cuestións, tanto as administracións como a representación sindical demandáronlle a Endesa outra formulación para evitar os despedimentos, que se poidan enlazar todos os procesos previos á instalación de proxectos e que a formación se dea con cobertura para o persoal, non no desemprego.

Neste camiño, a propia Consellaría de Economía demandoulle a Endesa que antes do venres presente unha nova proposta para tentar cubrir esas expectativas e a partir de ir manterase outra reunión. Sobre isto, Amado fixo fincapé no feito de que "por primeira vez as administracións asumiron as posturas sindicais no ámbito laboral e da demanda de garantías de continuidade do emprego".

Así as cousas, instou a todas as administracións a que "forcen a Endesa para que non abandone os traballadores e traballadoras das auxiliares neste proceso de transición, ligando o proceso a un emprego real na localidade e non só ás tarefas de desmantelamento".

Ningún avance nos novos proxectos xa anunciados

A respecto dos proxectos industriais para As Pontes, falouse de Sentury, do proxecto de hidróxeno de Reganosa -H2POL-, do de Ence e da planta dun grupo sueco para producir amoníaco. "Mais non se ten avanzado nada neste punto nin temos máis concrecións, porque todo está pendente dos procedementos administrativos que están bastante verdes", apuntou. "No tempo que pasou dende que se anunciou cada un destes proxectos, algún xa tiña que estar case instalado", ironizou Amado, lembrando que o plan da planta de pneumáticos "xa vai moi fóra de prazos en base á previsión que había".

O secretario nacional da CIG-Industria incidiu en que o resto de proxectos que se anunciaron coincidindo coas distintas campañas electorais, "e que non se abordaron nesta reunión, aínda están nunha situación máis indefinida".

Neste punto, a CIG apuntou á necesidade consumo enerxético que implica a instalación de cada unha destas industrias. "Garantir a súa implantación require dunha revisión do plan enerxético 2021-2026 para a capacidade de consumo que hai nas Pontes. Porque a día de hoxe só estaría garantido nalgún proxecto, algunha fase, como os 20MW para a planta de hidróxeno e para a primeira fase de Ence, pero ningún proxecto completo".

Cómpre reasignar a capacidade de evacuación

Os representantes da CIG reclamaron actuacións para que non haxa problemas técnicos para a instalación dos proxectos e reiterou a demanda para que se reasignen ás Pontes os 1400MW de evacuación que se liberarán tras o peche da central térmica. Este punto é crucial para asegurar o asentamento destes proxectos mencionados e doutros enerxéticos que se queiran instalar. "Sen esa capacidade dificilmente vemos posíbel que se poidan desenvolver estes proxectos", alertou Tupi.

Ademais, referiu que a poxa que se tería que dar do nó de evacuación "constitúe a única garantía real sobre proxectos concretos, porque os catro proxectos dos que se falou, a parte de estar só no procedemento administrativo, non deixan de ser unha iniciativa privada que se pode materializar ou non. Porque a diferenza do concurso público, non teñen ningunha obriga de instalarse".

0.19089412689209