A clase do CEIP O Salvador de Lucía Francos gaña o concurso contra a Violencia de Xénero de Pastoriza

A clase do CEIP O Salvador de Lucía Francos resultou gañadora do IV Concurso de Imaxes ou Debuxos contra a Violencia de Xénero organizado polo Concello de Pastoriza, ao conseguir un total de 121 «gústame» nas redes sociais municipais.
A proposta premiada recolle unha composición na que aparecen varias persoas participantes sostendo carteis con mensaxes de reivindicación contra a violencia machista, a favor da liberdade e do respecto ás mulleres. Entre as frases que se poden ler figuran As mans que aman non encadean e A miña liberdade non cabe nas túas mans.
O Concello agradeceu a participación de todas as persoas que se implicaron nesta cuarta edición do certame, enmarcado dentro da programación con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
O concurso ten como obxectivo concienciar á poboación e promover a igualdade a través da arte e da creatividade, mediante debuxos e fotografías acompañados de frases ou lemas de rexeitamento da violencia de xénero.
Esta iniciativa conta co apoio do Ministerio de Igualdade e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e forma parte do compromiso municipal coa sensibilización e a loita contra esta lacra social.