A Comisión contra as Minas na Terra Chá convoca aos alcaldes da comarca

TerraChaXa
A Comisión contra as Minas da Terra Chá, integrada por máis dunha vintena de colectivos, mantivo unha xuntanza tras constatar o inicio de actividades por parte da empresa Erimsa.
1
9 Oct 2019

A Comisión contra as Minas da Terra Chá, integrada por máis dunha vintena de colectivos, mantivo unha xuntanza tras constatar o inicio de actividades por parte da empresa Erimsa.

"Dende a Comisión contra as Minas na Terra Chá non temos constancia de que esta mineira de capital noruegués e chinés teña título ou habilitación xurídica suficientes como para iniciar a súa actividade en ningunha das concesións aprobadas para extraer seixo en 2006 e que afectan 5.700 hectáreas nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Abadín, Vilalba e Riotorto".

"De feito, tras máis de dez anos de loita, dacabalo dos anos 2012 e 2013, Erimsa perdeu os cinco recursos contencioso-administrativos que interpuxo contra os concellos de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza. Nese mesmo período, a Erimsa denegáronlle as licenzas os concellos, previa denegación da autorización autonómica".

"Diante destes antecedentes, consideramos de extrema gravidade que Erimsa inicie a súa actividade extractiva na Terra Chá, cometendo así, na nosa opinión, unha posible ilegalidade, e decidimos convocar os alcaldes dos concellos afectados a unha xuntanza que se vai celebrar este venres, 11 de outubro, ás 19.00 horas no local de cursos de Muimenta".

"Nesta xuntanza pretendemos que haxa un intercambio de información e facer unha análise da situación para acordar pasos a dar conxuntamente a veciñanza e os representantes municipais. A intención deste entendemento sería paralizar esta actividade mineira totalmente incompatible coa actividade agraria e gandeira existente nos concellos afectados, tal e como recoñeceu a propia Xunta de Galicia nos seus informes".

Dende a Comisión contra as Minas na Terra Chá animan aos alcaldes afectados a responder ao seu chamamento e asistir á xuntanza, dada a importancia da mesma para defender os intereses e o medio de vida de centos de familias ameazadas por Erimsa na Terra Chá.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17361521720886