A comisión presenta a documentación para que a Moexmu sexa Festa de Interese Turístico de Galicia

TerraChaXa
Faise un resumo da Moexmu, que comezou a súa andaina un 6 de xullo de 1985 e acaba de celebrar a súa XL edición
moexmu-202410
Imaxe de arquivo
4 Xul 2024

Nestos días procedeuse, por parte da xerencia da Mostra Exposición de Muimenta, á presentación, ante a Axencia de Turismo de Galicia, do dossier con toda a documentación precisa coa que se demostra que a Moexmu debe ser de Interese Turístico de Galicia.

A través da toda a documentación faise un resumo da Moexmu, que comezou a súa andaina un 6 de xullo de 1985, e acaba de celebrar a súa XL edición os pasados 5, 6 e 7 de abril. O seu programa, inclúe o único concurso de Gando Frisón que se celebra na provincia, e que arrancou no ano 1987, xunto á exposición de Raza Rubia Galega. A primeira poxa de gando selecto data do ano 1999. Promocionando sempre a participación dos máis novos neste tipo de actividades, así como no concurso de xóvenes manexadores, canteira do futuro do noso rural.

No seu programa de actividades sempre se apoiou o traballo dos artesáns, xa non só como expositores da mostra, senón tamén con demostracións en vivo, ou exposicións situadas nas oficinas do propio Recinto Feiral Manuel Vila de Muimenta.

A implicación na Moexmu de todos os veciños e as veciñas da parroquia de Muimenta queda de manifesto dende os inicios desta feira a mediados da década dos oitenta, renovándose anualmente dito compromiso. Sendo un dos piares da súa celebración, os empresarios e empresarias que organizan a Moexmu a través de seis comisións rotatorias.

Ao longo da memoria que acompaña o expediente, ponse en valor que a Moexmu é unha celebración con un carácter único, un valor cultural engadido, e un poder de convocatoria importante e relevante, para a parroquia de Muimenta, así como para o Concello de Cospeito, a Comarca da Terra Cha e a provincia de Lugo, e que recibe visitantes do resto de Galicia así como do norte de España.

O pasado primeiro de marzo, a Moexmu recolleu o XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que concede dita empresa xunto a USC.

0.18537497520447