A compañía de títeres polense Trécola Produccións celebra hoxe os 42 anos da súa fundación

Pol
TerraChaXa
Faino cunha representación da súa nova obra 'Coa música a outra parte' no Festival Internacional de Títeres de Redondela
trecola-producions-folga-xeral-titere
Os títeres de Trécola Produccións
17 Maio 2024

A compañía polense Trécola Producións celebra este 17 de maio o 42 aniversario desde a súa primeira función como compañía profesional. Faino cunha representación da súa nova obra Coa música a outra parte no Festival Internacional de Títeres de Redondela.

Esta obra de títere tradicional de creación propia baseada en textos de Rafael Dieste e dirixida por Isa Coldeira, tamén se poderá desfrutar o domingo día 19 con sesión de mañá e tarde, tamén dentro da programación do festival.

O elenco de Coa música a outra parte está formado por Ero Vázquez, responsable da compañía, Raquel López Cendán, e os músicos Pablo Pintor e Barbeiro, integrantes do grupo Airiños da Freba.

O sábado 18, Trécola presentará tamén en Redondela a súa instalación de autómatas Kinetiko, que hai uns anos viaxara por máis de 30 concellos de Lugo.

O equipo actual de Trécola Produccións leva máis de 18 anos vivindo no mundo das marionetas, son a segunda xeración dunha compañía creada no ano 1981 cuns obxectivos que seguen mantendo como "a dignificación e protagonismo das marionetas como ferramenta artística no teatro".

A proposta escénica está baseada en anos de experimentación no manexo e construción de diferentes tipos de marionetas, sempre ideando a mellor opción segundo as necesidades do personaxe ou escena.

"Tentamos fomentar, sempre dende o divertimento, valores coma a igualdade, o respecto e o apoio mútuo. Vemos de vital importancia unha educación emocional positiva así como de respecto pola natureza", explican os membros da compañía de Pol.

Teñen neste momento 11 obras en repertorio e máis unha instalación de pezas autómatas artesanais. "Dende o noso comenzo como responsables da compañía, máis de 20 montaxes estreadas, construíndo escenografías, estruturas, marionetas e guións, deseños de iluminación, deseño de músicas, vestiarios", engaden.

0.18210601806641