A comunidade de montes sopesa financiar o transporte escolar dos escolares de Baamonde
A comunidade de montes veciñais en man común de Baamonde anunciou a súa intención de financiar o transporte escolar a Parga para os alumnos do colexio de Baamonde.
O colectivo levará esta iniciativa á súa próxima asemblea. A proposta consiste en financiar o 50% do transporte escolar aos alumnos do colexio local que, se este finalmente pecha, opten por matricularse no Ceip Santo Estevo de Parga. "Sabemos que varias familias están dubidando por este motivo e queremos achegar a nosa colaboración", indican.
Esta cuestión xurdiu cando as familias de Baamonde anunciaron a súa intención de matricularse noutro centro diferente ao Virxe do Corpiño e se lles informou que de ser así perderían o dereito ao transporte e ao comedor.
Como explican dende Baamonde hai só un quilómetro de diferenza entre ambos centros —con respecto ao Ceip Virxe do Corpiño de Begonte—, "por que ten un transporte e o outro non?", pregúntanse.
Tamén os comuneiros de Parga manifestaron a súa disposición a subvencionar o comedor escolar.
"Queremos que as nais e pais de Baamonde e de Pígara teñan libre elección de centro, sen ameazas nin recortes de dereitos", inciden dende a CMVMC de Baamonde.