A Confraría de Meira celebrará o 17 de maio a súa XIV Xuntanza no Santuario de San Xulián de Baltar

A Confraría de Meira organizará o vindeiro 17 de maio a XIV edición da súa tradicional xuntanza, que terá lugar no Santuario de San Xulián de Baltar. A cita estará aberta tanto para socios como para persoas non asociadas que desexen participar nunha xornada de convivencia, natureza e tradición.
O programa arrancará cunha andaina desde Meira ata Baltar, con dúas rutas dispoñibles: unha curta de 8,5 quilómetros e outra longa de 12,5 quilómetros que incluirá a visita ao Castro de Saa. A organización destaca que a actividade busca combinar convivencia e fe nun entorno natural.
Ás 13:00 horas celebrarase unha misa no santuario e posteriormente terá lugar un xantar de confraternidade na contorna da capela. A xornada rematará cunha actuación musical e unha sesión festiva para todos os asistentes.
Os prezos establecidos son de 20 euros para socios e 30 euros para non socios. Os tickets poden adquirirse na Panadería Muriato e na Oficina de Turismo de Meira.
Desde a organización agradeceron tamén a colaboración das persoas e establecementos que colaboran na venda de entradas e animaron á veciñanza a participar nesta celebración comunitaria.