A contaminación do aire urbano en Galicia cae un 61,5 % durante o tempo de confinamento
O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción, no que respecta á nosa terra, analiza os datos oficiais de dióxido de nitróxeno (NO2) recollidos nas estacións urbanas de medición da calidade do aire existentes nas cidades da Coruña (4) e Vigo (2) durante os meses de marzo e abril de 2020 e dos dez anos anteriores (1). Presenta xa que logo unha foto fixa da calidade do aire urbano antes e despois da declaración do estado de alarma e as medidas de confinamento, actualizada a 30 de abril.
Entre as súas principais conclusións salientan:
- Desde a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo produciuse unha redución drástica dos niveis de contaminación atmosférica por NO2 nas dúas principais cidades do noso país, redución que se cuantificou nun 61,5 % de media dos niveis de contaminación habituais nestas datas durante a última década. O descenso foi maior en Vigo (64%) que na Coruña (59%).
- A mellora da calidade do aire en Galiza está a ser xeral, tanto nos centros das cidades como nas periferias urbanas, do mesmo xeito que son xerais as medidas de limitación da circulación adoptadas. Tampouco se detectan grandes diferenzas entre as diversas prórrogas do estado de alarma, nas que se aplicaron restricións de diversa intensidade, aínda que a caída da contaminación foi algo superior na media do mes de abril (60 % na Coruña e 66% en Vigo) que na segunda quincena de marzo (57% na Coruña e 60% en Vigo).
- Os niveis de NO2 rexistrados durante o estado de alarma son os máis baixos para os meses de marzo e abril en relación cos promediados na década 2010-2019 nas dúas cidades galegas consideradas. Mantéñense ademais moi por baixo do valor límite legal e a guía anual da Organización Mundial da Saúde (OMS), cando nas estacións de tráfico o devandito limiar é habitual que se supere nalgúns días.
- No total das 26 cidades españolas de máis de 150.000 habitantes analizadas, as galegas encóntranse entre aquelas nas que se rexistraron maiores descensos. Vigo (64%) foi a sexta cidade onde máis caeu a contaminación, mentres A Coruña (59%) foi a undécima. Porén, cómpre ter en conta que as redes de medición das cidades son moi dispares, polo que os seus datos non poden compararse con completo rigor.
- As precipitacións e a inestabilidade atmosférica tamén contribuíron a mellorar a calidade xeral do aire. De feito, estes factores adoitan rebaixar, en boa medida, os niveis de contaminación atmosférica nas cidades galegas. Mesmo así, nas nosas cidades resulta habitual que se superen os limiares máximos recomendados pola OMS para diversos contaminantes do aire.
- O dióxido de nitróxeno (NO2) é o contaminante típico emitido polos tubos de escape dos automóbiles (ademais de polas caldeiras industriais e domésticas), polo que a súa evolución está directamente vencellada ás emisións do tráfico motorizado. Trátase dun gas irritante que agrava as doenzas respiratorias e mingua a resistencia ás infeccións. Diversos estudos están a relacionar a mortalidade da enfermidade COVID-19 coa contaminación atmosférica.
- A crise da COVID-19 demostra que a redución estrutural do tráfico motorizado e as mudanzas nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixarmos a contaminación do aire (e o ruído) nas cidades, aínda tendo en conta a excepcionalidade da situación extrema que estamos a vivir.
En definitiva, esta dramática situación creada pola COVID-19 confirma algo no que veñen insistindo Ecoloxistas en Acción e toda a comunidade científica: que a redución do tráfico motorizado nas cidades ten claros efectos na diminución da contaminación, algo que á súa vez supón unha importante mellora da saúde pública. Ademais contribúe á mitigación da crise climática polo descenso das emisións de dióxido de carbono (CO2) que tamén implica. Paradoxalmente, a saída desta dura crise podería levar ao aumento da contaminación atmosférica e acústica por riba dos niveis precedentes. Por iso, para a desescalada en curso, Ecoloxistas en Acción propón manter boas prácticas como a compra de proximidade, o teletraballo voluntario, a administración electrónica ou o escalonamento de horarios laborais. De maneira inmediata, debe potenciarse a mobilidade activa peonil e ciclista, cedendo máis espazo para estes medios e establecendo o límite de velocidade urbana en 30 quilómetros por hora. O transporte público é esencial para a mobilidade urbana, polo que debe garantirse a súa viabilidade cunha lei de financiamento. Unha vez superada a crise, debería acelerarse a implantación nas cidades de zonas de baixas emisións amplas e ambiciosas.