A Copa Concello de Xermade reunirá aos catro equipos do municipio na súa XIV edición do Trofeo Manuel González Fernández de fútbol

O fútbol afeccionado volverá ser protagonista no concello de Xermade durante este mes de agosto coa celebración da Copa Concello de Xermade – XIV Trofeo Manuel González Fernández, un torneo que reunirá aos catro clubs do municipio nunha nova edición desta competición estival.
O campionato arrancará o sábado 8 ás 18.30 horas no campo de Roupar, onde a Sociedade Deportiva Roupar exercerá de anfitrioa no encontro fronte á SD Cazás. A segunda semifinal disputarase ao día seguinte, o domingo 9, tamén ás 18.30 horas, no campo de Cabreiros, e enfrontará á SD Cabreiros coa SD Xermade.
Os equipos que non consigan acceder á final xogarán o partido polo terceiro e cuarto posto o sábado 15 de agosto, ás 18.30 horas, no campo de Cazás. Pola súa banda, a gran final celebrarase o domingo 16, tamén ás 18.30 horas, no campo de Xermade, onde se coñecerá o campión desta décimo cuarta edición.
A competición está organizada polo Concello de Xermade coa colaboración da Deputación de Lugo e a participación dos catro clubs de fútbol do municipio: SD Cazás, SD Roupar, SD Xermade e SD Cabreiros.
O torneo volve presentarse como unha cita destacada do verán deportivo no municipio, favorecendo a convivencia entre clubs, xogadores e afeccionados, ademais de servir como preparación para o inicio da nova tempada futbolística.