A Copa de España de Minivelocidade reúne esta fin de semana en As Pontes ás futuras promesas do motociclismo

TerraChaXa | FerrolXa
O circuíto pontés acollerá os días 8 e 9 de agosto unha nova proba do campionato nacional con pilotos das categorías Mini GP, Minimoto e MotoMini Spain
AS PONTES minivelocidade motos
7 Aug 2026

O Circuíto de As Pontes de García Rodríguez converterase esta fin de semana nun dos grandes escenarios do motociclismo base español coa celebración dunha nova proba da Copa de España de Minivelocidade, unha das competicións de referencia para as novas promesas das dúas rodas.

A cita, organizada polo VFM Motoclub, reunirá durante os días 8 e 9 de agosto a pilotos chegados de diferentes puntos de España, que competirán nas categorías Mini GP 110 4T, Minimoto 5.5, MotoMini Spain 160 e MotoMini Spain 190. O campionato forma parte do calendario oficial da Real Federación Motociclista Española e está considerado como un dos principais viveiros de talentos do motociclismo nacional.

Desde o Concello das Pontes animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao deporte do motor a achegarse ao circuíto para gozar dun espectáculo no que os máis novos demostrarán a súa habilidade e competitividade sobre o asfalto.

Unha cita clave do calendario nacional

A proba pontesa corresponde á penúltima parada da Copa de España de Minivelocidade antes da gran cita final en Osona, polo que moitos pilotos chegarán coa clasificación xeral en xogo e coa vista posta na loita polos títulos nacionais.

Ao longo da fin de semana disputaranse adestramentos, sesións clasificatorias e carreiras que decidirán os vencedores das diferentes categorías, nun programa pensado para ofrecer espectáculo tanto aos participantes como ao público.

O evento conta co apoio do Concello das Pontes, da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia, da Federación Galega de Motociclismo e da Real Federación Motociclista Española, consolidando ao circuíto pontés como unha das instalacións de referencia para o motociclismo de base en Galicia.

0.1275999546051