A Cruz Vermella celebrará en Vilalba o Foro Generacambio para avanzar na inclusión e afrontar os retos da Terra Chá

TerraChaXa
A xornada terá lugar o 6 de outubro na Casa da Cultura e abordará sete retos relacionados co envellecemento, a mocidade, a vivenda, a mobilidade, o emprego e a chegada de novos poboadores
generacambio-cruz-vermella-vilalba
2 Oct 2026

A Cruz Vermella Lugo celebrará o vindeiro martes, 6 de outubro, en Vilalba o Foro Generacambio Terra Chá, unha xornada da Rede Territorial de Inclusión Generacambio orientada a avanzar do diagnóstico á acción e a impulsar novas iniciativas para o desenvolvemento do territorio.

O encontro terá lugar a partir das 10.00 horas na Casa da Cultura de Vilalba e está aberto á participación de persoas e entidades comprometidas co desenvolvemento da Terra Chá. A iniciativa está promovida pola Cruz Vermella Lugo coa colaboración da Fundación la Caixa.

O Foro Generacambio pretende reunir diferentes axentes do territorio para analizar oportunidades, compartir recursos e establecer novas alianzas que permitan dar resposta a retos sociais e territoriais. A organización destaca a importancia de traballar de maneira conxunta para favorecer o arraigamento da poboación, atraer novos habitantes, avanzar nos servizos e xerar impacto social mediante solucións innovadoras.

Durante a xornada abordaranse sete grandes retos identificados no territorio: as persoas maiores, a mocidade, a remuda xeracional, os novos poboadores, a vivenda, a mobilidade e o emprego. O obxectivo será poñer en común as necesidades existentes e, ao mesmo tempo, identificar recursos, capacidades e oportunidades de colaboración.

A organización explica que o foro busca dar un paso máis alá do diagnóstico para concretar accións. Neste sentido, as persoas participantes traballarán arredor dos diferentes desafíos para identificar posibles alianzas e establecer prioridades de actuación.

Unha das principais metas da xornada será acordar dúas liñas de traballo que permitan poñer en marcha dous grupos motores de traballo colaborativo de cara aos próximos anos. Estes grupos estarán orientados a impulsar actuacións conxuntas sobre retos considerados prioritarios e alcanzables.

Desde a Rede Territorial de Inclusión Generacambio animan a participar a todas as persoas e entidades comprometidas co desenvolvemento da Terra Chá que poidan achegar ideas, coñecementos, recursos, sinerxías ou contactos. A iniciativa pretende así ampliar a colaboración entre os diferentes axentes sociais e territoriais e favorecer novas respostas ante os desafíos da comarca.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do teléfono 662 190 097, do correo electrónico ivan.sanchezl@cruzroja.es ou mediante mensaxe privada nas redes sociais da Cruz Vermella.

0.16325902938843