A cuarta edición de Vintalba terá lugar este domingo na praza de Santa María

O Concello de Vilalba celebrará a cuarta edición de Vintalba, o mercado de segunda man impulsado desde a Alcaldía e a Concellería de Feiras e Mercados, que volverá ser na Praza de Santa María este domingo 7 de xuño en horario de 10:00 a 15:00 horas.
A iniciativa, que nas súas tres primeiras edicións rexistrou unha gran participación e unha importante afluencia de público, regresa tras a boa acollida recibida tanto por parte das persoas participantes como da veciñanza.
Entre os artigos admitidos poderán atoparse roupa, calzado, complementos, libros, mobles, electrodomésticos, decoración ou outros obxectos usados.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “Vintalba naceu como unha proposta diferente para dinamizar os domingos de feira e hoxe é unha actividade completamente consolidada, cunha resposta moi positiva tanto por parte das persoas que participan como do público que se achega á Praza de Santa María”.
Rouco explicou ademais que “durante os últimos meses moitos veciños e veciñas preguntaron por unha nova edición do mercado, polo que consideramos que este era un bo momento para volver celebralo, tamén coincidindo coa chegada dunha nova estación e coa oportunidade de sacar produtos diferentes e darlles unha segunda vida”.
A rexedora puxo en valor tamén “o ambiente que se xera arredor desta iniciativa e o movemento de xente que consegue atraer ao casco antigo da vila durante os domingos de feira”.
Pola súa parte, a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, sinalou que “as tres edicións anteriores demostraron que existe moito interese por este tipo de propostas participativas e sostibles, nas que ademais de vender ou mercar produtos de segunda man tamén se crea ambiente e actividade na vila”.
Vigo lembrou que “mesmo a edición celebrada no inverno contou cunha importante asistencia a pesar das condicións meteorolóxicas, o que confirma a boa acollida que está tendo Vintalba”.
Desde o Concello destacan que esta nova edición dá continuidade á programación impulsada desde a Alcaldía e a Concellería de Feiras e Mercados para revitalizar a Praza de Santa María durante os domingos de feira e converter estas xornadas nun atractivo máis para achegarse a Vilalba.