A cuarta edición de Vintalba celebrarase o día 7 de xuño na praza de Santa María

TerraChaXa
O mercado de segunda man continúa consolidándose como unha das propostas con mellor acollida dentro da programación dos domingos de feira
presentacion-viltalba
14 May 2026

O Concello de Vilalba vén de presentar a cuarta edición de Vintalba, o mercado de segunda man impulsado desde a Alcaldía e a Concellería de Feiras e Mercados, que volverá celebrarse na Praza de Santa María o próximo domingo 7 de xuño en horario de 10:00 a 15:00 horas.

A iniciativa, que nas súas tres primeiras edicións rexistrou unha gran participación e unha importante afluencia de público, regresa tras a boa acollida recibida tanto por parte das persoas participantes como da veciñanza.

Poderán participar persoas particulares maiores de idade e asociacións sen ánimo de lucro que conten cun mínimo de 25 produtos de segunda man para vender. Entre os artigos admitidos poderán atoparse roupa, calzado, complementos, libros, mobles, electrodomésticos, decoración ou outros obxectos usados.

As persoas interesadas en participar deberán cubrir o formulario incluído nas bases e envialo ao correo electrónico feiras@vilalba.es ata o 1 de xuño.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “Vintalba naceu como unha proposta diferente para dinamizar os domingos de feira e hoxe é unha actividade completamente consolidada, cunha resposta moi positiva tanto por parte das persoas que participan como do público que se achega á Praza de Santa María”.

Rouco explicou ademais que “durante os últimos meses moitos veciños e veciñas preguntaron por unha nova edición do mercado, polo que consideramos que este era un bo momento para volver celebralo, tamén coincidindo coa chegada dunha nova estación e coa oportunidade de sacar produtos diferentes e darlles unha segunda vida”.

A rexedora puxo en valor tamén “o ambiente que se xera arredor desta iniciativa e o movemento de xente que consegue atraer ao casco antigo da vila durante os domingos de feira”.

Pola súa parte, a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, sinalou que “as tres edicións anteriores demostraron que existe moito interese por este tipo de propostas participativas e sostibles, nas que ademais de vender ou mercar produtos de segunda man tamén se crea ambiente e actividade na vila”.

Vigo lembrou que “mesmo a edición celebrada no inverno contou cunha importante asistencia a pesar das condicións meteorolóxicas, o que confirma a boa acollida que está tendo Vintalba”.

Desde o Concello destacan que esta nova edición dá continuidade á programación impulsada desde a Alcaldía e a Concellería de Feiras e Mercados para revitalizar a Praza de Santa María durante os domingos de feira e converter estas xornadas nun atractivo máis para achegarse a Vilalba.

0.1012020111084