A Cuíña e Os Chaos preparan tres días de festa con música, gastronomía e verbena nas Pontes

As parroquias da Cuíña e Os Chaos celebrarán esta fin de semana a súa terceira edición da festa popular, unha cita que volverá reunir veciñanza e visitantes arredor da música, a gastronomía e as actividades de lecer.
O programa festivo arrancará o venres cunha degustación de liscos e chourizos a partir das 20.30 horas para acompañar as consumicións. A xornada continuará cunha verbena amenizada por Tania Veiras e Los Cumbiapop desde as 22.30 horas e rematará coa actuación da orquestra Origen á medianoite.
O sábado estará marcado pola música tradicional e as sesións de baile. Ás 12.00 horas terá lugar unha pasarrúas a cargo de Cañavella, mentres que a sesión vermú das 13.30 horas correrá por conta do Dúo Maracuyá. Xa pola noite celebrarase unha gran verbena coa participación das orquestras Panamá e Cinema, que protagonizarán unha das citas máis agardadas da fin de semana.
A programación concluirá o domingo cunha nova sesión vermú amenizada por DJ Eventec. Ás 15.00 horas celebrarase un xantar popular no campo da festa, cun menú composto por ensaladilla, churrasco mixto, sobremesa, café e licores. Os actos continuarán durante a tarde coa música de DJ Eventec, que poñerá o peche a tres días de celebración.
A organización conta coa colaboración do Concello das Pontes e dun amplo número de empresas e establecementos da comarca que apoian a celebración. A festa consolídase así como unha das citas destacadas do calendario festivo local, combinando tradición, convivencia e unha ampla oferta musical para todos os públicos.