A demolición das torres da central térmica das Pontes farase este xoves ás 16.00 horas

GaliciaXa | TerraChaXa | FerrolXa
A detonación terá unha duración aproximada de 1,2 segundos e provocará a caída simultánea das catro
caravana-endesa-1
29 Jul 2026

As Pontes afrontará este xoves 30 de xullo un dos momentos máis destacados do proceso de desmantelamento da antiga central térmica coa voadura controlada das catro torres de refrixeración, prevista para as 16.00 horas. A operación contará cun importante dispositivo de seguridade que inclúe zonas de exclusión, cortes de tráfico e restricións de acceso para garantir a protección da cidadanía.

A detonación terá unha duración aproximada de 1,2 segundos e provocará a caída simultánea das catro torres. Segundo a información facilitada pola organización, o nivel de ruído será similar ao dun espectáculo de fogos artificiais.

Con motivo desta actuación, establecerase un perímetro de seguridade arredor das instalacións, diferenciando unha área de exclusión, na que estará prohibido o acceso, e unha área de seguridade destinada a garantir que a operación se desenvolva sen riscos.

Ademais, entre as 15.30 e as 16.30 horas permanecerán cortadas ao tráfico varias vías de comunicación da contorna da central. As restricións afectarán á estrada AC-861 en diferentes puntos, tanto en dirección As Pontes, Ferrol e Os Airíos, así como á DP-1802 na conexión coa AC-861. Tamén se pecharán os accesos á estación depuradora, a Vilabella e á propia central térmica.

As autoridades recomendan á veciñanza respectar en todo momento as indicacións do persoal de seguridade e evitar desprazamentos innecesarios pola zona durante a franxa horaria na que permanecerán activadas as medidas de protección.

A voadura das torres constitúe un novo fito no proceso de desmantelamento da antiga central térmica das Pontes, unha actuación que marcará a desaparición dun dos elementos máis emblemáticos do complexo industrial e da paisaxe do municipio.

O BNG reclama unha consulta veciñal vinculante antes da voadura das torres da central

O BNG das Pontes reiterou a súa oposición á demolición das torres de refrixeración da antiga central térmica de Endesa e reclamou ao goberno municipal a convocatoria dunha consulta pública vinculante antes de continuar co proceso de desmantelamento das instalacións. A formación nacionalista considera que a veciñanza debe decidir sobre o futuro dun dos elementos máis emblemáticos do municipio.

Os nacionalistas lembran que, desde o peche da central, defenderon un modelo de transición baseado na conservación dunha parte das instalacións para crear un gran centro galego de referencia enerxética, combinando patrimonio industrial, investigación e novos proxectos empresariais capaces de xerar emprego.

Segundo o BNG, o fracaso do Convenio de Transición Xusta e do programa Futur-e, unido á perda de postos de traballo e á falta de novos investimentos, demostra a necesidade de aproveitar as infraestruturas existentes e de manter a presenza de Endesa nas Pontes para impulsar un novo Plan de Desenvolvemento.

Entre as súas propostas figura conservar dúas torres de refrixeración, a cheminea, unha caldeira, a sala de turbinas e a sala de control para crear un Museo Galego da Electricidade. Tamén aposta por destinar os edificios de oficinas e laboratorios a un centro galego de investigación sobre almacenamento enerxético e manter as naves de mantemento para futuros proxectos industriais.

A formación propón ademais que as instalacións de captación e distribución de auga pasen a mans do Concello, recuperar para uso público os terreos liberados e impulsar o concurso do nodo eléctrico de transición xusta para facilitar a implantación de novas industrias.

O BNG critica que varias iniciativas aprobadas por unanimidade no Pleno non foran desenvolvidas polo alcalde e asegura que outras, como a celebración dun debate público aberto sobre o futuro da central, foron rexeitadas pola maioría absoluta do PSOE.

A formación lembra tamén que a enquisa que promoveu en febreiro de 2025 reflectía que o 57,6 % da veciñanza era partidaria de conservar parte das instalacións, fronte ao 29,4 % que apoiaba a súa demolición, mentres que un 13,1 % non expresaba unha posición definida.

Por todo isto, o BNG insta novamente ao alcalde e ao goberno local a convocar unha consulta vinculante antes da voadura das torres de refrixeración prevista para os próximos días e reclama que se respecte a decisión que adopte a cidadanía sobre o futuro deste patrimonio industrial.

0.13606405258179