A Deputación abre o luns o prazo para optar a 14 contratos dentro do plan Prende!
A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, informou de que a Deputación abrirá o vindeiro luns a través da Axencia de Colocación a convocatoria para que mozos e mozas de entre 16 e 30 anos dos 58 concellos con menos poboación da provincia poidan optar a 14 contratos laborais dentro do plan de emprego xuvenil Prende! Bota Raíces no Rural, impulsado pola institución provincial para fixar poboación. O prazo permanecerá aberto ata o 2 de outubro.
O plan Prende! conta con dúas fases. Na primeira, xa rematada, medio cento de mozos e mozas recibiron formación en catro actividades profesionais cun importante peso no tecido produtivo da provincia e que contan cun gran potencial de crecemento: enerxías renovables, hostalería e turismo, xestión forestal e agricultura e gandería.
Na segunda fase, que arranca agora, o obxectivo é, logo da formación teórica, proporcionar experiencia laboral aos mozos e mozas en empresas vinculadas cos anteriores sectores. García Porto lembrou que, para elo, a Deputación abriu a principios de xullo unha convocatoria de axudas directas á contratación dirixidas a empresas e emprendedores. En total, 21 empresas e autónomos da provincia recibirán 125.000€ para contratar a 21 mozos e mozas durante 12 meses.
A voceira provincial socialista explicou que hoxe a Xunta de Goberno aprobou a primeira remesa de empresas beneficiarias, un total de 15, que buscan os seguintes perfís profesionais: 1 peón forestal, 2 axudantes de camareiro/a, 1 fontaneiro/a, 4 peóns de gandería, 2 camareiro e 1 administrativo, 1 peón agrícola, 1 bodegueiro/a e 1 oficial de gandería.
Hoxe publicouse este listado no Boletín Oficial da Provincia e o luns abrirase a convocatoria, a través da Axencia de Colocación, para que os interesados se inscriban e poidan optar a un destes postos de traballo. O prazo remata o 2 de outubro.
Poderán concorrer aos contratos mozos e mozas de entre 16 e 30 anos de idade, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, e empadroados nos 58 concellos lucenses que teñen menos de 5.000 habitantes ou entre 5.000 e 10.000 cun saldo demográfico negativo na última década. Poden inscribirse todas as persoas que cumpran cos requisitos, aínda que terán prioridade os participantes na primeira fase do programa Prende!
Unha vez que remate o prazo de inscrición, a Axencia de Colocación da Deputación fará unha preselección dos perfís que mellor se adapten ás ofertas de traballo, para que, finalmente, sexan as empresas as que seleccionen o aspirante ao emprego.
Os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 950€ ao mes.
O plan Prende! Bota Raíces no Rural conta cun orzamento de case 300.000 euros, financiado ao 92% con fondos europeos.
Ratificación dos premios Lugo Cambia ao turismo e á hostalería
A Xunta de Goberno ratificou o acordo que adoptou por unanimidade a semana pasada o Consello Provincial de Turismo sobre os gañadores da primeira edición dos premios Lugo Cambia ao turismo lucense, e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense. O acto de entrega dos galardóns será o vindeiro domingo, 27 de setembro, ás 12.00h, no Salón de Actos da Deputación.
Os gañadores da primeira modalidade son o Concello do Vicedo, a asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra. Na segunda modalidade, os recoñecementos son para a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada.
500.000 para renovar e arrendar equipamento informático
A Xunta de Goberno aprobou a licitación do contrato para o subministro de equipamento e material informático da Deputación. Son 95.000 euros para a renovación dos equipos informáticos das diferentes dependencias da institución provincial, como ordenadores de mesa e portátiles, así como compoñentes hardware que permitan ampliar a capacidade de memoria.
Tamén aprobou a licitación do contrato para o arrendamento de equipos de impresión, copia e escáneo da Deputación, cunha duración de dous anos e por un importe de 403.000€.