A Deputación achega a Asoporcel unha axuda de 39.000 euros

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación provincial de Lugo achega 39.000€ a Asoporcel para oimpulso da produción de porco celta na provincia
deputacion Convenio ASOPORCEL
deputacion Convenio ASOPORCEL
21 Xuño 2022

O presidente subliña que esta “importante colaboración responde ao noso apoio ao sector primario como motor da economía da provincia, traballando da man do propio sector produtivo e tamén da Universidade. Un sector primario forte, diversificado, innovador e con valor engadido crea emprego sostible e contribúe a fixar poboación”.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co presidente da Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel), José Barreira Alonso, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 38.000 euros á entidade. O acordo ten como obxectivo impulsar un plan de fomento da produtividade, competitividade e rendibilidade das granxas de porco celta.

José Tomé Roca explica que este proxecto de Asoporcel impulsado pola Deputación ten como obxectivo facilitar aos gandeiros e gandeiras as ferramentas necesarias para que as súas granxas acaden a máxima rendibilidade e que a produción teña a mellor saída comercial. “Estamos a falar dun conxunto de ferramentas, como o asesoramento e formación dos gandeiros e gandeiras, o control da xestión dos aspectos sanitarios de produción, o control das medidas de bioseguridade, o mantemento das instalacións, o control da trazabilidade da produción e tamén aspectos comerciais e publicitarios”, subliña o presidente.

A finalidade do convenio é, polo tanto, avanzar na profesionalización do sector, asentar as ganderías existentes e atraer á xente nova para iniciar unha actividade gandeira que resulte atractiva como xeito de vida. Tomé Roca engade que “con este convenio tamén se contribúe a incrementar os servizos de Asoporcel na súa función de dinamizador da raza porcina galega, conservando moitos postos de traballo existentes na actualidade relacionados directa e indirectamente co porco celta”. Nese sentido, para a implantación do programa engadiuse un novo técnico veterinario ao cadro de persoal da asociación no 2020 e neste 2022 incorporouse un enxeñeiro agrónomo para completar as tarefas de asesoramento e servizos que se ofrecen aos socios e socias.

O presidente recalcou que esta “importante colaboración responde ao noso apoio ao sector primario como base e motor da economía da provincia, traballando da man do propio sector produtivo e tamén da Universidade. Un sector primario forte, diversificado, innovador e con valor engadido crea emprego sostible e contribúe a fixar poboación no rural da nosa provincia”.

Nas súas palabras concretou que a institución provincial quere contribuír a “visibilizar, poñer en valor e impulsar a produción e a comercialización dos nosos produtos autóctonos de calidade, porque iso crea riqueza e emprego, sobre todo no rural”.

ASOPORCEL

Asoporcel é a primeira e única asociación que agrupa aos produtores de raza porco celta en Galicia. Constituída no ano 1999, é un axente clave no sector que dedica todo o seu esforzo á realización de actividades de promoción, formación, profesionalización e especialización do sector gandeiro galego, co obxectivo de lograr un actividade competitiva e sostible, contribuíndo así á mellora do nivel e da calidade de vida dos gandeiros e das súas producións.

Na actualidade, a asociación conta con 141 granxas asociadas, e a maioría delas están situadas na provincia de Lugo, tendo 70 socios e 2.243 cabezas.

0.18183493614197