A Deputación achega máis de 90.000 euros a Guitiriz para obras e servizos

TerraChaXa
Servirá para mellorar diferentes vías municipais en cinco das parroquias máis extensas
convenio-deputacion-guitiriz
A firma do convenio entre a Deputación e o Concello de Guitiriz
19 Xuño 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou coa alcaldesa de Guitiriz e deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, un convenio entre a institución provincial e o Concello chairego para colaborar en diferentes accións destinadas a mellorar a vida dos guitiricenses. A Deputación investirá 90.248,96 euros, o 100% do investimento necesario.

Concretamente, o acordo consta de catro liñas de actuación. A primeira servirá para mellorar diferentes vías e accesos municipais en cinco das parroquias máis extensas e situadas na parte norte do concello; a segunda para mellorar o alumeado público coa instalación de 12 novos puntos de luz noutras seis parroquias; unha terceira actuación para a adquisición dun robot cortacéspede e, finalmente, o investimento da institución provincial tamén se destina para colaborar na organización do XVII Encontro de Vilas Termais que se vén de celebrar no municipio.

No que ten que ver coas infraestruturas, actuarase en varios accesos de San Mateo e outros en Campoverde, na parroquia do Buriz; no afirmado de camiños nas Reixas, Ación de Abaixo e Reboira, pertencentes á parroquia dos Vilares; e nos accesos á Ribeira en San Salvador. Tamén se reparará un acceso a Paderna, na parroquia de Labrada, onde se mellorará ademais a ponte sobre o rego de Porto Corga, preto do núcleo de San Mateo. E grazas ao investimento da institución provincial tamén se acondicionará o camiño municipal da Caivanca.

Instalaranse un total de 12 novos puntos de luz, de 30 W. Un no Padrieiro (Mariz); outro en Bustelo (O Buriz); cinco no Castro (Santa Cruz); outro en Vilanova (Trasparga); dous máis na Avenida da Coruña e na rúa Xermolos (Lagostelle); e finalmente, un na Balsa e outro en Codeso (Labrada). Na parroquia de Lagostelle, na rúa do Carme, levarase a cabo unha actuación para o soterramento dunha liña eléctrica.

Ademais, a achega da Deputación servirá ao Concello de Guitiriz para poder adquirir un robot cortacéspede para manter os espazos naturais, como a piscina municipal ou os parques en bo estado de uso.

0.18324494361877