A Deputación acorda unha bonificación do 30% no prezo das parcelas do polígono de Cospeito

TerraChaXa
O prezo do metro cadrado queda fixado en 39 euros fronte aos 55,72 iniciais
PolIgono-industrial-Cospeito
Polígono industrial de Cospeito
22 Maio 2024

A Deputación de Lugo acordou na Xunta de Goberno a bonificación dun 30% no prezo das 24 parcelas do polígono industrial Feira do Monte de Cospeito, quedando o prezo do metro cadrado fixado en 39 euros fronte aos 55,72 iniciais, segundo explicou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen lembrou que as persoas interesadas xa poden presentar as súas solicitudes de compra ante a institución provincial.

“A bonificación das parcelas é unha medida encamiñada a incentivar a venda e, polo tanto, a actividade empresarial no polígono de Cospeito”, subliñou o Deputado, engadindo que a Deputación de Lugo investiu máis de 1,3 millóns de euros na urbanización do parque industrial de Feira do Monte, e entregoulla ao Concello de Cospeito o pasado mes de marzo co obxectivo de multiplicar as oportunidades económicas deste municipio chairego e da súa contorna.

O polígono ten unha superficie total de 56.726 m2, dos que as parcelas de solo urbano á venda ocupan 22.459 m2, mentres que o solo dotacional ten unha extensión de 2.247m2; os espazos libres 10.849m2; os viarios e aparcamentos 10.490ms2; e as áreas verdes 10.681m2.

0.18262887001038