A Deputación adiantará aos concellos os cartos dos pagos previstos ata setembro

TerraChaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou dunha nova medida de apoio aos concellos da provincia para a saída da crise provocada pola pandemia.
2 Xul 2020

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou dunha nova medida de apoio aos concellos da provincia para a saída da crise provocada pola pandemia. Trátase da decisión de inxectar outros 11M€ aos concellos da provincia adheridos ao servizo de xestión de impostos da institución, adiantándolles os pagos mensuais previstos entre xullo e setembro. Este importe súmase aos 11M€ que xa lles adiantou en abril polos pagos correspondentes ao segundo trimestre do ano.

José Tomé subliñou que, con esta nova transferencia de recursos económicos, a Deputación “facilita liquidez aos concellos para que poidan afrontar con máis garantías a saída da crise ou para levar a cabo todas aquelas accións que consideren necesarias para atender á veciñanza e o tecido económico dos seus territorios”.

Esta decisión pon de relevo unha vez máis o firme compromiso do Goberno da Deputación de cooperar cos concellos: “É a nosa función esencial, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios dificilmente poden encarar as novas necesidades que están xurdindo, porque dispoñen de menos recursos. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”, subliñou o Presidente.

O adianto, do que se benefician o 94% dos concellos da provincia, todos os que teñen delegada na Deputación a xestión e cobro de tributos, supón un importante esforzo de tesourería por parte da institución provincial.

Esta medida súmase ás adoptadas xa pola Deputación para poñer a disposición dos concellos recursos económicos. Ademais dos adiantos de pagos previstos entre abril e setembro, que suman un total de 22M€, a institución aprobou o Plan Único 2020, que inxectará de maneira directa nos 67 concellos da provincia 21,3 M€, e que foi adaptado polo Goberno provincial para que os municipios poidan cubrir con 10,6M€ medidas sociais e económicas fronte ao coronavirus.

0.089725971221924