A Deputación adxudica as obras da estrada LU-P-6513 ao seu paso por Vilalba

A Xunta de Goberno celebrada este venres deu luz verde a dous novos proxectos para mellorar por case 600.000€ a LU-P-4706, que conecta o núcleo de Pacios da Veiga coa parroquia de Santa Cruz, na Pobra do Brollón; e a LU-P-6513 que vai desde o municipio de Vilalba ata o límite provincial, pasando por Momán.
Así o anunciou o deputado provincial Pablo Rivera, que asegura que “a mellora da rede viaria sempre foi e seguirá sendo unha prioridade clara. Para nós, investir en mobilidade é tamén investir en cohesión territorial”.
Nese sentido, licitouse por 338.396,28 euros a reparación dun treito da LU-P-6513, en Vilalba. Nesta vía mellorarase un tramo de practicamente 2 quilómetros -do 2,125 ao 4,000- que vai desde este municipio ata o límite provincial, pasando por Momán. Neste proxecto inclúese a reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización. O prazo de execución é de catro meses.
O deputado sinalou que estes traballos en Vilalba “dan continuidade a outras obras que xa acometemos nesta mesma vía e cos que arranxamos dous treitos: un desde o inicio da estrada ata a rotonda que dá acceso á A8; e outro desde o punto quilométrico 1,6 ata o 17,3 no que se realizou a reposición da sinalización horizontal”.