A Deputación adxudica as obras en catro estradas de Xermade, que conflúen no casco urbano

A Xunta de Goberno activou este venres un millón de euros para melloras na mobilidade, cooperar cos concellos, apoiar a actividade económica, reforzar as políticas sociais e impulsar os servizos públicos. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, na rolda de prensa posterior á reunión semanal que tivo lugar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos.
No que ten que ver coa mobilidade, “a Deputación continúa a poñer os recursos onde máis se necesitan: nas estradas, porque articulan a provincia e son fundamentais para o equilibrio territorial”. O Deputado explicou que a institución provincial destina preto de 700.000€ a mellorar a rede viaria da Pontenova, Xermade e Lourenzá.
Adxudicado tamén un proxecto en Xermade para a rehabilitación de diferentes tramos de catro estradas provinciais –LU-P-2201 e ramal, LU-P-2203, LU-P-2205 e LU-P-2213- que conflúen no núcleo urbano. Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU é a adxudicataria nun prezo de 210.742,63€. “É unha actuación que permitirá mellorar o firme, a drenaxe e a sinalización e que terá un impacto directo na mobilidade diaria da veciñanza e no acceso aos servizos e actividades da capitalidade do municipio”.