A Deputación adxudica 600.000 euros aos concellos adheridos ao programa Impulsa TIC

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Tamén aprobou a adxudicación do servizo de mantemento das instalacións térmicas, control e prevención da lexionelose e a desinfección dos 9 centros de maiores
trabajo_internet_ordenador_recurso
Ordenador
7 Xuño 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación, por un importe de 606.526,77 euros, dos últimos lotes do contrato para o subministro de equipamentos e servizos tecnolóxicos que a institución provincial lles proporcionará de maneira gratuíta ós 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ó programa Impulsa TIC. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, sinalou que desta forma, a Deputación xa ten adxudicado a totalidade do investimento de 4,5 millóns de euros co que está dotada esta iniciativa “que puxemos en marcha cos fondos que captamos da Unión Europea co obxectivo de colaborar cos concellos da provincia para avanzar na súa transformación dixital e ofrecer un mellor servizo público ós veciños e veciñas”.

Explicou que, concretamente, quedou adxudicado o lote 1, dedicado ás ferramentas de accesibilidade sobre a web municipal, á empresa Everycode SL por un importe de 110.445 euros; o lote 2, que ten que ver cun chatbot integrado na web dos concellos, á empresa Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España por un importe de 393.231,77€; e o lote 3, de medidas para mellorar a transparencia financeira, queda adxudicado á empresa Dynamic Opengov Technologies SL por un importe de 102.850 euros.

García Porto lembrou que o Impulsa TIC componse de 6 contratos, “dos que temos a metade en execución. Entre outras cuestións, xa estamos realizando as auditorías nos 52 concellos adheridos; e implantando os servizos de integración de aplicacións nos concellos como o Conector Padrón -que lle permite ós cidadáns sacar certificados desde a súa sede electrónica- ou o Conector Face -que permite automatizar a tramitación de facturas presentadas no concello.
“Os outros dous contratos que están adxudicados e que comezarán a executarse nas vindeiras semanas son os que teñen que ver coa posta en marcha do sistema de videoplenos e coa entrega de equipamento, como ordenadores de sobremesa ou portátiles”, engadiu a voceira.

Patrocinio da Volta Ciclista a España

A Xunta de Goberno aprobou tamén adxudicar o contrato de patrocinio da etapa 13 da Volta Ciclista a España deste ano cunha colaboración económica de 40.000 euros á empresa Unipublic SA. “Grazas ás xestións do Presidente da Deputación, La Vuelta volverá á nosa provincia neste 2024. En concreto, o 30 de agosto a cita deportiva percorrerá a distancia entre a cidade de Lugo e Os Ancares, nun percorrido de 171 quilómetros, cualificado como de montaña”, valorou Pilar García Porto.

“Unha nova aposta por La Vuelta que facemos dende a Deputación e que supón un investimento en proxección nacional e internacional e en promoción turística que terá un retorno a curto e medio prazo enorme”, relatou a Deputada, quen sinalou que esta proba mobiliza a unhas 3.000 persoas, o que repercute, de xeito directo, na actividade da hostalería, o turismo e o comercio local.

Rede de Centros de Atención a Maiores

Outro dos asuntos que aprobamos na Xunta de Goberno é a adxudicación do servizo de mantemento das instalacións térmicas, o control e prevención da lexionelose e a desinfección nos 9 centros de atención de maiores que temos en funcionamento nos concellos de Trabada, Meira, Pol, Castroverde, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna, Ribas de Sil e Ribadeo.

A empresa adxudicataria é COMSA Service Facility Management SAU por un importe de preto de 140.000€ (139.706,6€) e a duración do contrato é de 15 meses sen posibilidade de prórroga.

Remanentes do Plan Único

A Xunta de Goberno aprobou tamén as solicitudes dos concellos do Saviñao, Paradela e Xermade para investir remanentes do Plan Único do ano 2023 en novas actuacións. En concreto, O Saviñao destinará 14.697€ ó subministro de formigón para a adecuación de estradas na Igrexa de San Vicente, Forcados, A Carballa, Teibel, As Trabes, Montegrande e Montecelo-Costa. Paradela, utilizará 35.598,59€ para a pavimentación de accesos a Bacorelle. E Xermade 28.309,47€ na reparación de estradas en Casa Grande, Lugar Vello, Candamil-Lusada e en accesos ó campo de fútbol.

Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios
Tamén quedou aprobado o último trámite administrativo para o pago de dúas subvencións, por un importe conxunto de case 10.000€, a outras tantas entidades da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. Por unha parte da Comunidade de Montes Faro de Requeixo, en Chantada, que recibe 4.188,78€ para mellorar a accesibilidade á zona da ermida do Faro do Río. E á Comunidade de Montes de Goyán, en Sarria, recibe 5.700€ para a mellora do firme dos núcleos de Goián, Vilalence e Cabezares.

Tal e como explicou García Porto, o obxectivo da Deputación con este programa é apoiar ós colectivos para que poidan acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no día a día dos veciños, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais.

0.1818060874939