A Deputación aproba 15.040 euros para mellorar a contorna da Residencia de Maiores de Abadín

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou na súa sesión do pasado 2 de outubro a solicitude presentada polo Concello de Abadín para modificar o proxecto de investimento incluído no Plan Deputación 2026 e destinar 15.040,35 euros á mellora da contorna da Residencia de Maiores de Abadín.
O investimento será financiado integramente pola Deputación de Lugo, sen achega municipal, e incluirá tamén os honorarios técnicos. A actuación permitirá continuar coa mellora dun espazo especialmente vinculado ás persoas maiores usuarias das instalacións.
A modificación do proxecto foi solicitada pola Alcaldía de Abadín e aprobada polo Goberno provincial, que deu o visto e prace ao novo destino dos fondos. Segundo o acordo, o Concello deberá adxudicar, executar e xustificar o investimento nos prazos establecidos nas bases reguladoras do plan.
Desde o Concello destacan que esta actuación se suma ao traballo desenvolvido para captar investimentos destinados á mellora dos espazos públicos e dos servizos municipais a través das distintas liñas de cooperación entre administracións.
Por outra banda, o Grupo Municipal Socialista de Abadín reclamou explicacións ao Goberno local polos dous procedementos contencioso-administrativos relacionados co pagamento das obras da residencia de maiores. O voceiro socialista, Pablo Díaz, anunciou a solicitude de acceso aos expedientes e avanzou que levará o asunto ao vindeiro Pleno.
Segundo o PSdeG, unha das reclamacións xudiciais solicita o cumprimento de obrigas de pagamento, xunto cos xuros de demora e os custos de cobro, mentres que no segundo procedemento se reclaman 75.362,64 euros pola liquidación final das obras e outros 3.122,59 euros en xuros de demora.
O grupo socialista sinala que ambos os procedementos se produciron despois de que as reclamacións previas quedasen desestimadas por silencio administrativo. Por este motivo, solicita ao Concello copia íntegra dos expedientes, así como información sobre as cantidades pendentes de pagamento, as certificacións e facturas relacionadas coa residencia, os xuros de demora e as eventuais costas procesuais.
O PSdeG tamén reclama un informe da Secretaría-Intervención sobre as razóns polas que non se responderon as reclamacións previas e sobre as medidas adoptadas para evitar novos procedementos xudiciais por impagos. Pablo Díaz anunciou que fará seguimento dos dous procesos e pedirá explicacións no Pleno sobre a xestión destes expedientes.