A Deputación aproba novas axudas a clubes deportivos da provincia
O Executivo da Deputación aprobou n Xunta de Goberno axudas de 485.000 euros, dirixidas a todas as entidades e clubs deportivos da provincia. Trátanse das subvencións de concorrencia competitiva para actividades federadas e eventos deportivos puntuais. En concreto son 400.000 euros para a actividade competitiva, e 85.000 euros para a organización de eventos deportivos.
“Agora enviaremos estas axudas á Base Nacional de Subvencións para, en 2 semanas aproximadamente, podelas publicar no Boletín Oficial da Provincia. Os clubs e entidades deportivas interesadas en concorrer a estas axudas disporán dun prazo de 15 días hábiles, a partir do día seguinte á publicación das bases no BOP, para solicitalas. Deberán formalizar a súa solicitude a través do Rexistro Xeral da Deputación. Os requirimentos para emendar as posibles deficiencias de documentación realizaranse exclusivamente a través da páxina web da Deputación”, destacou o voceiro do Goberno.
“Con esta liña de subvencións que hoxe aprobamos, buscamos continuar sendo a Deputación galega que máis inviste en deporte. De feito, a de Lugo é a administración pública que máis inviste en deporte na provincia de Lugo, ata oito veces máis que a Xunta de Galicia”.
Axudas máis sociais
Como na anterior anualidade, incorpóranse criterios sociais nas bases destas axudas en impulso á igualdade e á integración, así como en recoñecemento ao esforzo competitivo. Deste xeito, valorarase positivamente aos equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. Tamén a aqueles que sexan de localidades pequenas, de Concellos de menos de 2.000 habitantes, especialmente do rural, e tamén puntuarán os resultados ou ascensos deportivos.
Como novidade este ano, na liña de axudas á actividade competitiva cada disciplina deportiva conta cun importe de acordo co número de licencias oficiais que posúe cada modalidade na provincia de Lugo.
Así mesmo, os clubs ou entidades deportivas que desenvolvan a súa actividade competitiva en máis dunha disciplina deportiva poderán optar a un máximo de tres axudas: dúas solicitudes por actividade competitiva e unha por organización de eventos deportivos.
O importe mínimo das axudas á actividade competitiva será de 300 euros e o máximo de 4.000, mentres que na liña de axudas á organización de eventos a cantidade mínima a percibir será de 300 euros e a máxima de 2.000 euros.
Balance 2017
Esta programación permitiu o ano pasado que o Goberno da Deputación ofrecese 258 axudas a outros tantos clubs e entidades deportivas de 49 Concellos da provincia e coa que o executivo provincial promove deportes como o tiro con arco, ciclismo, xadrez, fútbol, baloncesto, así como a celebración de diversas competicións, como regatas, carreiras de atletismo, torneos, rutas de BTT ou ximnasia rítmica, entre outras
Do total, 205 entidades e clubs deportivos recibiron un 400.000 euros para sufragar gastos pola súa actividade competitiva. Por exemplo, de arbitraxe, transporte, federativos (pola consecución de licenzas, seguros...) ou canons derivados da participación nunha competición deportiva oficial. Outras 116 entidades e clubs deportivos recibiron 85.000 euros para sufragar a organización de eventos deportivos puntuais.
A distribución por comarcas deste investimento do Goberno Provincial foi a seguinte: na Comarca da Mariña beneficiáronse 72 asociacións de 16 Concellos, cun investimento de 138.840 euros; na de Chantada foron 13 clubes de 6 concellos cun investimento de 38.925 euros, na de Lugo, 83 asociacións de 6 Concellos con 144.156 euros, na da Terra Chá foron 44 asociacións de 8 Concellos con 74.793, na de Lemos foron 22 entidades de 4 Concellos cunha achega de 42.847 euros, na de Sarria 16 asociacións de 5 Concellos con 25.039 euros para e na da Montaña. 8 entidades de 3 Concellos con 17.230 euros.