A Deputación aproba nun pleno telemático o Plan Único
O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este xoves nunha sesión extraordinaria o Plan Único 2020, a través do que os 67 concellos da provincia poderán dispoñer de máis de 10,6 millóns de euros para impulsar medidas sociais ante o Covid-19 grazas á decisión do Goberno provincial de adaptar as bases para crear esta nova liña de gasto. En total, o Plan Único inxectará de maneira directa nos municipios lucenses 21,3M€, 300.000 máis que o ano pasado, “un auténtico pulmón de osíxeno para todos os concellos na situación de crise sanitaria e tamén económica que estamos padecendo”, subliñou o presidente, José Tomé Roca.
O programa de investimentos saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e coa abstención do PP nun Pleno telemático, o primeiro na historia da institución que se celebrou por videoconferencia e que, con preto de dúas horas de duración, se desenvolveu con total normalidade. Foi retransmitido en streaming a través da plataforma Youtube, ao mesmo tempo que se gravou para entregar ao seu remate ao servizo de Actas para a súa transcripción.
O presidente subliñou que “o Plan Único supón unha inxección económica fundamental para os concellos da provincia, un auténtico pulmón de osíxeno para todos eles no momento no que estamos vivindo”, pois contribuirá, non só a cubrir servizos sociais e velar pola calidade de vida e o benestar da cidadanía, senón tamén e de maneira moi importante á reactivación da economía e do emprego unha vez rematado o estado de alarma. Este programa repercutirá na contratación sobre todo de pequenas e medianas empresas, moitas de ámbito local, o que axudará a recuperar o pulso das economías locais.
A voceira provincial do PSdeG, Pilar García Porto, explicou que, ademais da adaptación das bases para que os municipios que así o necesiten queden exentos da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos para poder dedicar ese importe a cubrir e resolver as necesidades que xurdan a raíz do impacto do coronavirus, outra da novidades do Plan Único 2020 é a flexibilización dos prazos para que os concellos teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo a estes fondos. Así, amplíase un mes tanto o prazo de contratación, pasando do 30 de setembro ao 30 de outubro, como o prazo para adxudicar os investimentos, quedando ata o 30 de novembro. Os concellos seguirán podendo utilizar as baixas ou aforros noutros investimentos, aínda que de xeito limitado, para non lastrar nin distorsionar os orzamentos das futuras anualidades. Así mesmo, introdúcese unha nova cláusula para velar polos dereitos dos traballadores garantindo o cumprimento dos convenios colectivos sectoriais.
Os fondos distribúense entre os 67 municipios da provincia en base a criterios obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, de acordo aos datos oficiais de 2019, cun máximo de 500.000€ para os concellos de máis habitantes e, de 200.000€, para os de menos.
É momento da unidade, non da confrontación
O Goberno provincial, tanto nas intervencións do presidente, como nas dos voceiros do PSdeG e do BNG, manifestou ao longo de toda a sesión plenaria que, ante a pandemia do coronavirus, é o momento de que as administracións públicas traballen con unidade, lealdade e coordinación. De feito, como lembrou José Tomé, a Deputación púxose en dúas ocasións a disposición da Xunta para colaborar na loita contra esta crise sanitaria, “logo será o momento de analizar o que pasou e a responsabilidade de cada quen”.
Por iso, rexeitaron rotundamente a actitude e as declaracións do voceiro do PP, que chegou a cualificar en varias ocasións de “miserable” a proposta de bases do Plan Único do Executivo, “unha expresión que por si soa xa o descualifica”, asegurou o presidente, “porque é unha falta de respecto”. Javier Jorge Castiñeira asegurou tamén que algúns informes técnicos estaban feitos “á medida”. O Goberno pediu ao popular que se retractase e pedise desculpas por esta ofensa “aos técnicos desta casa”, polos que o presidente “deu a cara, asegurando que “falta a primeira vez que eu pedira un informe á medida, nin que eles mo comentaran. Non sei se di vostede iso porque estivo acostumado a esas prácticas”.
O presidente e a voceira socialista tamén recalcaron que o PP se equivoca poñendo como exemplo de modelos de xestión á Deputación de Ourense e á Xunta de Galicia. A institución ourensá é a única deputación de Galicia que non conta con Plan Único; destina 4,6M€ a plans de obras e servizos nos concellos, mentres que o resto dos seus fondos os reparte de maneira discrecional e clientelar; e nesta crise comprou material de protección sanitaria por un importe que non alcanza os 100.000€. Mentres, a Deputación de Lugo inxecta directamente nos concellos a través do Plan Único 21,3M€, dos que os concellos poderán dispoñer de máis de 10,6 para medidas contra o coronavirus. “Iso non o fixo a Deputación de Ourense, nin a Xunta de Galicia, proporcionalmente ao seu orzamento”, afirmou José Tomé.
“Non estivo afortunado nin no día, nin no momento”, asegurou o presidente con respecto ás intervencións do portavoz popular. “Xa terá tempo de lucirse ou máis ben de deslucirse, se fai como fixo hoxe”. “Creo que debería facerse mirar as intervencións antes de facelas e ser máis prudente nas súas expresións. Intente non descualificar nin insultar a ninguén porque iso ao final vólvese en contra dun mesmo”, engadiu.
As emendas presentadas polo PP foron rexeitadas fundamentalmente por supoñer unha distorsión dos obxectivos do Plan Único ou dos exercizos orzamentarios futuros, excepto á relativa a incluír unha liña de gasto no Plan Único sobre reto demográfico, que foi aprobada cunha emenda do Goberno para que os estudos e actuacións con cargo a esta nova liña teña un destino diferenciado ós proxectos contemplados nas demais liñas do programa.
Con respecto ao incremento de crédito solicitado polo Partido Popular, a voceira socialista lembrou que a Deputación, nos orzamentos deste 2020, destina máis de 30M€ a políticas sociais -o 33% do presuposto-, dos que 9M€ son para as residencias. “Se a Xunta de Galicia asumira as súas competencias nesta materia poderíamos dispoñer de máis fondos”, asegurou Pilar García Porto. “Antes de pedir 700.000€ máis, vostede ten que dicir de onde os quita. Das residencias? Das estradas provinciais? Das subvencións de Cultura? De Deportes? Debería dicir de onde o saca e a que ou a quen. Aquí os fondos son limitados e non hai unha máquina de fabricar billetes”, argumentou García Porto.
O presidente afirmou así mesmo que “a obriga e a competencia” en materia sanitaria “tena a Xunta de Galicia. O día 14 de marzo, hai escasos quince días, cando se declarou o Estado de Alarma implantouse un mando único pero as competencias séguense mantendo. Non parece de recibo que carguen noutras administracións”.
Agradecemento
Ao inicio da sesión plenaria, o Presidente tivo palabras de agradecemento e recoñecemento para todas as persoas que nesta crise sanitaria son heroínas anónimas. Tomé Roca referiuse aos sanitarios, axentes e forzas de seguridade do Estado, Forzas Armadas, profesionais que participan na cadea alimentaria e, en xeral, todas as persoas que seguen a traballar estes días para contribuír a superar a crise do coronavirus. Ademais, puxo en valor a actitude e comportamento da veciñanza da provincia ao cumprir co seu deber de confinamento nos fogares. “Cada un de nós ten unha función neste novo escenario e temos o deber de cumprila”, subliñou. “É o momento de estar máis unidos e fortes porque a unidade de acción é unha condición indispensable para superar esta emerxencia sanitaria”. Antes do debate, gardouse un minuto de silencio en lembranza das persoas falecidas por esta pandemia.
PARTIDO POPULAR
“Non foi posible mellorar o Plan Único para este ano porque o goberno provincial (PSOE e BNG) sigue instalado nas desculpas, na inacción e no recurso a responsabilizar do que non fai ás outras Administración”. Así resume o portavoz popular, Javier Castiñeira, a desestimación das emendas presentadas polo PP na sesión plenaria celebrada esta mañá pola Deputación, por medios telemáticos, na que foi aprobado o Plan Único, para o que só se aceptou unha das propostas populares, que ten por obxectivo que estes recursos se destinen tamén a loitar contra o despoboamento. Engadiu: “O goberno provincial perdeu unha boa oportunidade de mostrar a súa vontade de colaborar economicamente cos concellos, é dicir, cos veciños, na loita contra esta horrible pandemia”.
“Neste pleno volvemos ao de sempre na Deputación desde que está este goberno; de novo, socialistas e nacionalistas acolléronse á crítica a outras administracións para xustificar que a Deputación non teña posto ata o de agora nin un só euro para paliar as consecuencias da gravísima crise sanitaria provocada polo coronavirus”. O portavoz popular destacou que mentres a Deputación non dedicou recursos a facer fronte a crise, o Concello de Monforte, presidido tamén por José Tomé, si mercou equipos para protección persoal fronte ao virus.
Para Castiñeira é incomprensible que o goberno provincial alegue que non pode incrementar en 700.000 euros o importe do Plan Único para que sume 22 millóns, porque, segundo sosteñen socialistas e nacionalistas, suporía vulnerar a regra de gasto. Castiñeira mostrouse convencido de que dita regra será vulnerada este ano como o foi no 2019. Apuntou entre outras cantidades ás que é preciso abonar a Tragsa porque asumiu o persoal e as tarefas que facía Suplusa antes da súa disolución.