A Deputación aproba obras de mellora enerxética en seis residencias de maiores

A Xunta de Goberno da Deputación sacou adiante a licitación das obras para instalar grupos electróxenos nos nove centros de atención ás persoas maiores da Deputación de Lugo, cun investimento de 278.951 euros.
A actuación desenvolverase nas residencias provinciais situadas nos concellos de Meira, Pol, Castroverde, A Fonsagrada, Ribas de Sil e Pedrafita do Cebreiro, co obxectivo de reforzar a seguridade das instalacións e garantir a continuidade dos servizos básicos ante posibles incidencias no subministro eléctrico.
Con esta actuación, a Deputación continúa avanzando na modernización dos seus centros asistenciais, mellorando os equipamentos e reforzando a calidade da atención que reciben as persoas maiores usuarias destes servizos provinciais.
REACCIÓN DO PP DE CASTROVERDE
O Grupo Municipal do PP de Castroverde mostrou a súa satisfacción tras coñecer a aprobación, por parte da xunta de goberno da Deputación de Lugo, do procedemento de licitación para a instalación de grupos electróxenos e a adaptación eléctrica en varios centros de maiores da provincia, entre eles o Centro de Atención a Maiores (CAM) O Castro, situado no municipio.
O voceiro popular no Concello, Pablo Figueiras, valorou a decisión como un resultado do traballo desenvolvido polo grupo municipal, sinalando que o PSOE e o BNG na Deputación “atenden por fin unha demanda” que os populares viñan reclamando desde hai meses. Neste sentido, lembrou que o PP presentara en setembro de 2025 unha moción para reclamar a dotación deste equipamento ao centro, tras detectarse diferentes episodios de cortes no subministro eléctrico que, segundo indicaron, afectaban ao funcionamento das instalacións, ao persoal e ao benestar dos residentes.
Segundo explicaran os populares naquela iniciativa, a residencia conta con varias plantas, polo que as interrupcións eléctricas provocaban a paralización de elementos fundamentais como os ascensores e outros sistemas esenciais. Esta situación obrigaba aos traballadores a trasladar de forma manual aos usuarios con maior vulnerabilidade.
Pablo Figueiras defendeu que os centros destinados ao coidado de persoas maiores deben garantir un funcionamento continuo, sinalando que se trata dun servizo que debe permanecer operativo “as 24 horas do día e os 365 días do ano”. Ao mesmo tempo, asegurou que a aprobación desta actuación confirma a necesidade da proposta presentada polo seu grupo para reforzar a seguridade das instalacións.
O acordo adoptado pola Deputación inclúe a aprobación do prego de cláusulas administrativas, do proxecto técnico e a apertura do procedemento aberto para a adxudicación das obras. A actuación correspondente ao municipio de Castroverde figura dentro do lote 3, destinado ao CAM O Castro, integrado nun investimento global de 278.951,37 euros, IVE incluído, para un total de seis centros da provincia.
Desde o Grupo Popular de Castroverde indicaron tamén que realizarán un seguimento do proceso e dos prazos previstos, que comezan agora cun período de exposición pública de 20 días, co obxectivo de que a instalación do grupo electróxeno poida executarse no menor tempo posible.