A Deputación aproba un investimento de 333.000 euros para facer dúas rotondas en Vilalba

TerraChaXa
A primeira estará situada na intersección do Campo da Ponte coa rúa Castelao, mentres que a segunda se construirá no entorno da avenida Terra Chá, a rúa da Feira e a avenida de Cospeito
vista-aerea-vilalba
30 Oct 2026

A Deputación de Lugo aprobou este venres, na reunión da xunta de goberno, investimentos por 1M€ para mellorar a mobilidade provincial e municipal. Así o avanzou a voceira socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, quen destacou que estes acordos “dan resposta a necesidades concretas dos concellos e da veciñanza”.

Así, obtivo luz verde un convenio co concello de Vilalba, por un importe próximo aos 333.000 euros, para construír dúas glorietas no municipio. A primeira estará situada na intersección do Campo da Ponte coa rúa Castelao, mentres que a segunda se construirá no entorno da avenida Terra Chá, a rúa da Feira e a avenida de Cospeito.

O proxecto inclúe, ademais, melloras nos pasos de peóns, creación de zonas verdes e reorganización das prazas de aparcamento. No Campo da Ponte habilitarase tamén un espazo de descanso e acollida para as persoas peregrinas que percorren o Camiño do Norte. A voceira socialista explicou que a actuación “busca mellorar a reordenación e a seguridade, pero tamén facilitar os desprazamentos a pé e facer máis accesibles estes espazos, mantendo a actividade comercial da vila”.

Outro dos acordos foi a adxudicación á empresa Autogomas Noroeste, S.L. do contrato para incorporar cinco vehículos á frota móbil provincial, por un importe de 105.977 euros. A operación inclúe tamén a recollida de cinco vehículos antigos por un valor de 26.589 euros.
Estes novos medios destinaranse aos traballos de mantemento e conservación da rede viaria provincial, que supera os 4.000 quilómetros. Pilar García Porto lembrou que este ano a Deputación incrementou en máis de 540.000 euros os recursos destinados á roza e limpeza das marxes das estradas, ampliando o servizo a máis do 75 % da provincia.

Por último, a Xunta de Goberno acordou solicitar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) unha axuda de 300.000€ para poñer en marcha un servizo itinerante de acompañamento dixital nos concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes. A través do programa Tecendo no rural, a institución provincial quere achegar a formación e o apoio tecnolóxico á veciñanza, especialmente ás persoas maiores, axudándolles a utilizar as novas tecnoloxías e a realizar xestións dixitais sen ter que desprazarse.

O proxecto combinará talleres prácticos e atención de proximidade en espazos municipais, asociacións, centros de maiores e residencias. Tamén incluirá actividades interxeracionais e o uso práctico da intelixencia artificial para facilitar tarefas cotiás, reforzar a autonomía persoal e combater a soidade non desexada.

A proposta incorpora o uso práctico da intelixencia artificial “como ferramenta para facilitar tarefas cotiás, reforzar a autonomía persoal e contribuír a combater a soidade non desexada”, aseverou García Porto.

0.14808011054993