A Deputación arranxará a estrada de Momán ás Pontes en Xermade

TerraChaXa
O Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno destinar 605.
28 sep 2018

O Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno destinar 605.000 euros para a mellora e acondicionamento da estrada LU-P-2204, de Momán ás Pontes, no Concello de Xermade. Este investimento permitirá renovar o firme con aglomerado en quente nun treito de 3 quilómetros, dende o punto 4 ao 7. Así o avanzou, o Vicepresidente, Argelio Fernández Queipo, quen subliñou que “aprobamos iniciar o proceso de contratación destas obras, cuxo investimento final dependerá das ofertas que se presenten e das adxudicacións resultantes”.

Fernández Queipo lembrou que “esta é a terceira fase de mellora que levamos a cabo nesta vía provincial, pois xa achegamos 190.000 euros para o arranxo dos dous primeiros quilómetros; e 285.000 euros para a renovación do firme entre os puntos 2 e 4. Polo tanto, con este novo investimento completaremos a renovación dos primeiros 7 quilómetros da vía, dun total de 9,7 quilómetros que ten de lonxitude”.

Trátase dunha estrada fundamental en Xermade, que dá servizo aos veciños de Momán, e comunica coas Pontes de García Rodríguez. Ademais, este é o camiño máis curto para os desprazamentos dos veciños a Santiago de Compostela e aos aeroportos.

BALANCE

O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, avanzou tamén que “en menos dun ano, levamos mellorado máis de 170 quilómetros de 84 vías provinciais que discorren por 35 concellos lucenses, achegando un investimento de 5,5 millóns de euros. Estes traballos enmárcanse no Plan de Mellora de Estradas que puxemos en marcha a finais do ano pasado e para o que destinamos 15 millóns de euros, cos que acometer a renovación duns 300 quilómetros da rede viaria máis extensa do territorio español. Deste xeito, o nivel de execución desta programación, que contempla as anualidades 18 e 19, é xa dun 56%, o que dá boa conta do traballo feito”.

Fernández Queipo avanzou que “a día de hoxe, xa están executadas ou en proceso de execución melloras en 84 estradas de 35 Concellos, cun investimento de 5,5 millóns.

Concretamente, xa están mellorados 41,1 quilómetros, o que supón o 12,5%, e atópanse a piques de rematar, pendentes do pintado ou sinalización, os traballos noutros 130 quilómetros, o que supón o 43,8% do total”.

O Vicepresidente engadiu que “por outra banda, xa se atopan contratadas obras noutros 14 concellos para o arranxo de 27 estradas, cun investimento de 2 millóns de euros, o que supón que nas vindeiras datas se iniciarán novos traballos de mellora en 60,3 quilómetros, o 20% do total. E, finalmente, atópanse en proceso de licitación 41 estradas de 18 Concellos, que contan cun orzamento de 3,2 millóns de euros, o que supón o 22,7% do total. O obxectivo é chegar ao 2019 co 50% da rede viaria, é dicir, uns 2.000 quilómetros, con aglomerado en quente”.

0.18606901168823