A Deputación blinda os contratos coas empresas de servizos

TerraChaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un decreto que garante o mantemento de todos os contratos e o volume de facturación coas empresas adxudicatarias da prestación de servizos públicos da institución provincial, malia a diminución da actividade producida nalgún caso debido ao estado de alarma polo coronavirus.
30 Mar 2020

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un decreto que garante o mantemento de todos os contratos e o volume de facturación coas empresas adxudicatarias da prestación de servizos públicos da institución provincial, malia a diminución da actividade producida nalgún caso debido ao estado de alarma polo coronavirus.

José Tomé subliña que o obxectivo desta nova medida adoptada pola Deputación para paliar o impacto económico do Covid-19 é manter e protexer os postos de traballo contribuíndo “na medida das nosas posibilidades a que a viabilidade das empresas que prestan estes servizos na Deputación non se vexa resentida nestes momentos tan difíciles”. “Poñemos todas as medidas ao noso alcance para que non recorran a despedimentos ou expedientes de regulación temporal de emprego”, engadiu o Presidente, quen engadiu que esta medida responde ao compromiso social do Goberno que dirixe.

A Deputación mantén nas mesmas condicións de facturación que antes da crise os contratos para a prestación dos servizos nos centros de atención a maiores, vixilancia de dependencias provinciais, teleasistencia ou limpeza de edificios provinciais, entre outros.

Pola súa banda, o Presidente manifesta que, entre outras medidas que vén adoptando nos últimos días a Deputación, esta é “unha aposta decidida por manter o emprego, inxectar liquidez e asegurar a calidade dos servizos destas empresas que teñen contratos coa Deputación de Lugo.

A sinatura dun decreto para garantir os contratos e o volume de facturación coas empresas adxudicatarias da prestación de servizos públicos da institución súmase a outras medidas de carácter social e económico adoptadas pola Deputación para paliar o impacto desta crise, como a de adaptar o Plan Único 2020 para que os concellos da provincia poidan dispoñer de maiores recursos económicos fronte ao Covid-19; priorizar o pago a provedores da institución para inxectar liquidez nas empresas e contribuír deste xeito a que poidan pagar salarios e gastos correntes e manter así a súa actividade, ou a de reforzar o servizo de teleasistencia domiciliaria para facilitar información e recomendacións aos máis de 1.300 usuarios e usuarias.

0.14757418632507